Arquivo | Artigos RSS feed for this section

Solicitamos o posicionamento dos partidos políticos ante a ameaza dos parques eólicos

2 Xuñ

PETICIÓN  SOBRE A SÚA OPINIÓN  E POSICIONAMENTO AOS PARTIDOS POLÍTICOS  NOS CONCELLOS DO VAL DE MIÑOR, BAIXO MIÑO, A LOURIÑA E VIGO SOBRE A CONSTRUCCIÓN DE PARQUES EÓLICOS NAS SERRAS DA GROBA E O GALIÑEIRO.

Ante a aparición nestes días de pandemia e confinamento de novas sobre a aceleración de proxectos eólicos para as serras da Groba e do Galiñeiro, e outros proxectos industriais polo país adiante,  e visto no Rexistro Eólico de Galicia (REG) a aparición de novos proxectos na Serra da Groba, sumados aos xa vellos , e polo que a sociedade civil de Galicia e maís dun cento de colectivos recorren e piden a suspensión das dúas ordes da Xunta que reactivan a tramitación de procedementos administrativos durante o estado de alarma.

107 asociacións e colectivos presentan recurso de reposición no que se pide a suspensión cautelar das Ordes do 27 de abril e do 5 de maio polas que a Xunta dá luz verde á continuidade da tramitación administrativa de case 1000 proxectos industriais de grande impacto en pleno estado de alarma.

Tamén solicitan á Delegación do Goberno en Galicia que revise se estas disposicións se axustan a Dereito.

Este recurso foi presentado polo grupo de traballo denominado ALERTA AMBIENTAL GALEGA que nacía hai menos dun mes como resposta ao acordo do Consello da Xunta do xoves 30 de abril do 2020 (DOG deste 4 de maio) no que se aprobou reactivar a tramitación administrativa en materia de avaliación ambiental de 975 proxectos que estaban paralizados polo Real Decreto que declarou o Estado de alarma. Posteriormente, a Xunta de Galicia ditou unha nova Orde a través da Consellaría Industria, que se publicou no DOG do 11 de maio, pola que non só se daba luz verde á continuidade da tramitación de centos de expedientes administrativos con forte impacto ambiental, senón que lexitimaba á Xunta para aprobar tales proxectos industriais de grande impacto.

E ante a reiteración de proxectos lexivos para as serras da Groba con seis proxectos distintos cos nomes de P.E. Albariño I, Torroña, Torroña I, Torroña III, Rosal e Merendón con un total de 44 torres de aeroxeradores e 4 subestacións de transformación e transporte. Na Serra do Galiñeiro irían 13 torres de aeroxeradores. A todo isto habería que sumar  as respectivas pistas de acceso e evacuación de varios milleiros de metros por zonas de grande  valor  ecolóxico e patrimonial, creando un grande impacto visual  e ambiental, xa denunciado hai varios anos cando se iniciaron os primeiros procedementos, e nos que a sociedade civil manifestou o seu rexeitamento.  Non falamos de euros nin de prezos de alugueiro, nin de postos de traballo, discursos que o grande capital quere vender para convencer e evitar o rexeitamento. Tampouco estamos a falar de enerxías limpas nin de transición ecolóxica. Non estamos en contra da enerxía eólica, estamos en contra dos modelos de explotación que explotan recursos para tirar beneficios para grandes emporios  e tentando mercar patrimonios que non teñen prezo e si moito valor, como son os do medio natural, a paisaxe,  o patrimonio cultural e o  monte multifuncional explotado polos veciños  e comuneiros.

 

As Asociacións Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro e SOS GROBA  ante o exposto:

 

SOLICITAMOS DO SEU PARTIDO POLITICO

Se posicione publicamente e nos plenos dos concellos onde teñen representación a maior brevidade, e antes da campaña eleitoral  sobre estes proxectos concretos.

 

Val de Miñor, a tres días do Dia Mundial do Medio Ambiente,  maio de 2020.

Manifesto da VII ANDAINA pola Protección da Serra do Galiñeiro

25 Out

21 de Outubro de 2018
Sechu López

“Non se sabe o que temos ata que se perde”. A Serra do Galiñeiro sempre estivo aí, dende moito antes de nacer o primeiro galego, pero cada xeración debe esforzarse por protexela, pois acumula un gran valor; non debemos estar inactivos ante ameazas que a poden estragar, como a instalación de modernos muíños de vento ou a apertura de minas a ceo aberto ou por calquera outra explotación agresiva, que ademais suporían novas pistas e máis movementos de terra; entón levaríamos as mans á cabeza ante a tremenda desfeita, pero xa demasiado tarde para reaccionar, o dano sería irreversible.

Dende hai anos a biodiversidade deste importante paraxe montañoso granítico, gran referente paisaxístico paralelo á Ría de Vigo, situado na área de maior densidade de poboación de Galicia, ven soportando a grave e continua ameaza dos seus valores naturais, culturais e sociais, e mesmo económicos sostibles, polo que existe unha continua demanda social que reclama dende hai décadas a súa protección legal para mantelo a salvo de explotacións incompatibles coa conservación deses valores e facilitar un modelo de desenvolvemento sostible das numerosas e variadas actividades posibles (deportivas, recreativas, forestais, gandeiras, culturais, educación ambiental, turísticas…), pedindo a inclusión na Rede Natura 2000 e a declaración de Parque Natural.


Os veciños da Serra, habitantes de Vigo, Gondomar, O Porriño, Mos e Tui, poden gozar facilmente da súa singularidade e simbolismo, polo que son eles os máis interesados na súa protección e desenvolvemento, pero calquera persoa que a coñeza, sexa veciño ou non, estará de acordo en que os seus valores merecen ser preservados.

Seguir lendo

A Plataforma ofrece asesoramento ás CCMM para a restauración do monte

2 Nov

Dende a Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro queremos ofertar ás comunidades de montes situadas neste enclave natural e que sufriran os lumes de comezos do mes de outubro a posibilidade de seren asesoradas gratuitamente por un equipo de biólogos e persoal técnico con formación en restauración de ecosistemas de cara a pór en marcha as medidas de restauración convintes nos terreos que foran afectados polo lume.

Que facer logo dos incendios?

Grazas a todas e todos pola vosa solidariedade !!!

2 Nov

Despois de termos asimilado o acontecido, e calmados todos os sentimentos que abrollaron ante tamaña desfeita a tódolos niveis, sabemos que nos temos que dirixir ás persoas, que nestas datas foron quen de estar ahí, ao pé do Galiñeiro, preocupadas polo seu futuro e artellando xeitos de axudar na súa recuperación.

Tedes que ter en conta, que para moitos de nós, o Gali é como unha parte máis do noso corpo, a paisaxe que vemos e sentimos máis próxima, que mantén o aire que respiramos, a terra na que plantamos, a rocha na que cimentamos as nosas casas, e que nos regala a auga coa que circulamos tódolos seres vivos que nos mantemos grazas a el.

Os periodos de dor son estranos, e dependen de moitísimos factores, culturais, familiares, relixiosos…, pero moitas de nós, só podemos sentir unha fondísima tristura, a pesares de que estamos seguras de que “a nosa terriña é moi boa, e que todo volverá rebrotar”. Moitas das persoas que formamos a Plataforma Pola Defensa da Serra do Galiñeiro aínda non nos atrevemos a levantar os ollos cada vez que saimos da casa, para non percibir cos ollos, o co naris, é unha peste a queimado que dá arcadas.

Por outra banda, somos conscientes que temos que pomos coa cabeza a pensar en que facer, e como seguir adiante co proxecto de Parque Natural, ante tanta devastación. Podemos falar de moitos culpables, podemos pensar que unha vez máis, o lume chegou, e como non, volverá a pasar, como algo que xa temos asumido, porque o levamos vivindo así dende sempre. Todas as persoas que andamos no monte, somos moi conscientes de que hai UN culpable, UN, que estraga solos e humedais, que inza a nosa terra de follas, caracolas e paus, que non xeneran máis que broza, que nin para estrume serve, pero si que arde moi ben, e por enriba, revive co lume e espállase por onde quixer. Non lle vou dar a categoría de algo, por iso non o nomeo, non quero polo ao mesmo nivel que as ovellas, as cabras, as vespas, as abellas, as eguas, as raposas, e todas aquelas criaturas que nos quitou. Por non ter, non ten nin un verde que dea vida, é un verde agoniado.

A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro está composta por colectivos moi diversos e especializados, en temas moi diferentes no entorno natural e cultural da Serra. Por eso, nos gostaría que se contara con nós á hora de facer calquera actuación no monte, co ánimo de asesorar para preservar aquelo que sabemos que o mantén, como unha serra moi especial.

Por outra banda, sabemos que o voluntariado ten toda a vontade de axudar, pero as repoboacións, si é que se decide facelas, as talas e outras actuacións, deberían ser o máis selectas e coidadosas posibles, porque desta volta, o que aconteceu é moi grave e de grandes dimensións, e podemos estragar o monte para sempre.

Para preservar o Galiñeiro hai que querelo e respetalo, deixalo recuperarse en paz e loitar pola súa conservación, na medida das nosas posibilidades. Non esquencernos de que sobre el, están proxectadas outras desfeitas tan perigosas como o lume ou os monocultivos, por iso recordamos, que calquera época é boa para achegarnos ao Galiñeiro e dende calquera lugar, imos ter que activar as nosas forzas, na súa conservación.

Plataforma Pola Conservación da Serra do Galiñeiro.

Galería

Fotos da VI Andaina pola protección da serra do Galiñeiro

19 Abr

XUNTANZA COA OFICINA DE MEDIO AMBIENTE DA UNIVERSIDADE

16 Feb

O pasado día 15 de xaneiro a Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro mantivo unha xuntanza con técnicos da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade de Vigo. A reunión, derivada da carta que enviamos á Universidade en maio de 2013, fora solicitada polo reitorado na súa contestación. A súa finalidade, abordar unha iniciativa de declaración da serra do Galiñeiro como Parque Natural, iniciativa que a Universidade de Vigo se comprometeu a elevar á Xunta de Galicia.

Galiñeiro vista mar

Foi unha primeira toma de contacto, onde falamos longamente sobre a situación en que se encontra actualmente a serra do Galiñeiro; nomeadamente, sobre o estado dos proxectos máis ameazantes a que se enfronta a serra: o parque eólico e o concurso mineiro de febreiro de 2013.

Concordamos en que a figura de Parque Natural, concebida como ampliación do actual Parque Natural do Monte Aloia, resultaría a máis acaída para a protección da serra do Galiñeiro. Manifestáronos que o plantexamento da Universidade é instar á Xunta de Galicia a que inicie o procedemento para declarar a serra do Galiñeiro como Parque Natural. A competencia legal para iniciar o proceso é exclusiva da Consellaria de Medio Ambiente, tal e como marca a Lei de patrimonio natural e da biodiversidade. Sen embargo, que a Universidade tome a iniciativa e eleve unha proposta de protección diante da Administración constuiría para nós un respaldo moral moi importante.

Quedamos en volver a reunirnos para irmos perfilando esta iniciativa, estudar que forma darlle (xa que non existe un procedemento legal para este caso); que extensión e profundidade debería ter o informe, etc. Trataríase en todo caso de utilizar aquela información que poida existir nos arquivos da Universidade, máis aquela que nós mesmos desde a Plataforma poderíamos aportar.

A Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo adícase a promover a sustentabilidade dentro do ámbito universitario. Cómpre destacar a xestión que realizan nas áreas verdes do Campus, moi avanzada canto á recuperación das formacións vexetais autóctonas, e a implementación de medidas para o fomento da biodiversidade nos terreos da Universidade. Valoramos moi positivamente esta primeira xuntanza, que  podería ser o inicio dunha relación moi enriquecedora para ambas as dúas partes.

Sechu López coa Plataforma pola defensa da Serra do Galiñeiro

20 Xuñ

Pouco despois da conquista do Anapurna o pasado 6 de maio, Sechu López  aparece así de guapo na súa primeira entrevista concedida logo da proeza poucos días despois en Kathmandu, xusto o día anterior á III Andaina pola defensa da Serra do Galinheiro.

Agradecemos moi especialmente a Sechu López que se lembrara da Serra do Galiñeiro en eses especiais momentos, ofrecendo o seu público apoio. As montañas grandes son importantes mais as pequenas tamén.

Grazas Sechu.

Manifesto en defensa da Serra do Galiñeiro

26 Abr

O avance do deterioro do medio natural en Galicia ten hoxe un dos máis claros e infamantes exemplos na grave situación que vive a Serra do Galiñeiro, espazo de extraordinario valor que comparten os concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui.

            A  pesar de que no ano 2008 se anunciaba a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a todo o cordal da Serra do Galiñeiro, aínda hoxe a desprotección dos seus valores naturais, culturais, sociais e económicos continúa sendo total.

            Aínda hoxe os demostrados valores xeolóxicos, biolóxicos, paisaxísticos, históricos, arqueolóxicos, etnográficos, etc  deste espazo senlleiro no que se recoñecen os habitantes de todos estes concellos continúan estando en perigo diante das agresións producidas polo grave impacto de actividades irresponsables co medio (proliferación de canteiras, vertedoiros e pistas, política forestal de extensión de especies foráneas, destrución do patrimonio arqueolóxico…) e de proxectos que o degradarían irreversiblemente (parque eólico, estradas de circunvalación, industria trituradora…).

            O Corno do Demo e tódolos contos e lendas do Galiñeiro non teñen prezo. A gandería ecolóxica de pastoreo, os cabalos do monte e os curros de Vincios e de Morgadáns non teñen prezo. O lecer, os camiños, os subeiros, as pedras, as sombras, as augas, os estudos feitos e os que aínda se han facer, as illas ó lonxe, os poemas e os libros, o que perdemos e atopamos no Galiñeiro, nada de todo iso ten un valor calculable porque ese é un patrimonio común e natural que non se pode comprar nin vender, un patrimonio destas bisbarras, da Terra de Turonio, pero tamén de Galicia e mais da Humanidade.

            Cómpre rematar con todo isto. Cómpre que a Xunta de Galicia acometa dunha vez a protección da Serra. Cómpre que se estenda o Parque Natural do Monte Aloia a todo o cordal do Galiñeiro seguindo a lóxica do que é un mesmo ecosistema.

            Protexamos o que é noso e é de todos!  

            Protexamos a terra e mailo monte que nos deron!

            Protexamos o medio natural e a cultura!          

            Protexamos o Galiñeiro!

Seguir lendo

Europa admite a trámite a causa do Galiñeiro

22 Mar

Ante a actuación da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de deixar fóra da Proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia, unha vez máis, a Serra do Galiñeiro, A Plataforma pola protección desta Serra acaba de presentar alegacións a este documento.

Cómpre sinalar que a serra do Galiñeiro se encadra dentro do grupo das denominadas Serras Litorais e que este grupo de sistemas montañosos está a sofrer de maneira particular o abandono da Administración, pois á excepción do monte Pindo e de certas áreas moi reducidas da serra da Groba, estas serras continuarán fóra da rede ecolóxica Natura 2000.

O Parque Natural do Monte Aloia non experimenta ningún incremento na súa superficie con esta proposta de ampliación da rede Natura 2000 de Galicia, e como consecuencia disto, a práctica totalidade da serra do Galiñeiro continúa excluída da citada rede.

Os hábitats naturais e as especies que deberían motivar a declaración dun espazo natural como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) están escasamente representados no interior do Parque Natural do Monte Aloia, de feito, a práctica totalidade do parque está ocupada por repoboacións de especies exóticas, que non teñen a consideración de hábitats de interese comunitario. Este Parque Natural presenta outro tipo de valores naturais, como son o seu atractivo paisaxístico, a singularidade do seu temperán proceso de reforestación, ou un progresivo aumento da súa calidade ambiental, derivado da súa xestión como espazo protexido, pero contrariamente ao que sucede no monte Aloia, as cotas altas da serra do Galiñeiro si están ocupadas maioritariamente por hábitats de interese comunitario.

A Plataforma considera que coa delimitación da superficie do novo LIC non só se preservarían os hábitats, a fauna e flora de especial interese no Galiñeiro, senón que os valores ambientais deste Parque Natural se verían aumentados e protexidos por unha área de amortecemento fronte aos impactos que a serra sofre a cotío dende hai décadas.

A natureza predominantemente pétrea que caracteriza os relevos dominantes da serra do Galiñeiro ten a súa correspondencia vexetal nun amplo abano de comunidades florísticas onde se entrecruzan as influencias bioclimáticas atlántica e mediterránea. Nesta serra existe un elevado número de endemismos ibéricos, moitos deles ligados precisamente a ambientes áridos, ou que buscan a protección que lles procuran os abrigos rochosos. Tamén nos humedais da serra, como regatos e turbeiras, ou nas fragas caducifolias encontramos especies endémicas. As  turbeiras de fondo de val e de ladeira, que son hábitats de interese comunitario, teñen representación por exemplo no Monte das Moutas en Prado, Gondomar.

Con esta actuación da Xunta queda desprotexida unha importante poboación dunha especie florística e ata de unha ducia de especies faunísticas, algunhas delas catalogadas como endemismos galego-portugueses, e moitas delas catalogadas como endemismos ibéricos; indo así contra a lexislación Comunitaria Europea.

Así mesmo coa exclusión da serra do Galiñeiro da rede Natura queda tamén desprotexida unha importante poboación de cabalos en réxime de liberdade, o cabalo autóctono que recibe a denominación oficial de “Cabalo de Pura Raza Galega” e está incluído no “Grupo de Razas Autóctonas en Perigo de Extinción”. A poboación de cabalos en réxime de liberdade que habita na serra do Galiñeiro forma, conxuntamente cos cabalos da serra da Groba, unha das máis importantes poboacións galegas de cabalo de monte, e as dúas poboacións  unidas a través dun corredor montañoso, exercen o papel de especie clave no mantenemento dos hábitats naturais da serra e da súa biodiversidade.

Pero non son só os valores ambientais os que hai que ter en conta á hora de determinar a proteción deste territorio, senón que os valores arqueolóxicos son elevados aquí, e nalgúns casos ligados aos propios elementos xeomorfolóxicos. Tal é o caso de moitas covas graníticas nas parroquias de Vincios e Morgadáns, e especialmente na recentemente estudada a nivel internacional como é a dos Milagres da Trapa, xa no concello de Tui.

Nós pedimos que a delimitación da superficie do novo LIC se realice seguindo exclusivamente criterios científicos e ambientais, de maneira que se axuste á distribución real dos hábitats e das especies. Pois é que Galica pasa do 11% do territorio protexido actualmente a un 15,2 %, superficie esta que segue a ser insuficiente ante as prerrogativas europeas que determinan maior protección para unha terra tan diversa como é a nosa, e tendo en conta que o estado español, sendo tan variado en hábitats e especies, non pasa de ter só o 25 % do territorio protexido.

As nosas alegacións están amparadas por Europa, pois Á DENUNCIA QUE FIXEMOS O 5 DE OUTUBRO DO ANO PASADO ANTE O PARLAMENTO  EUROPEO DEU OS SEUS FROITOS. Naquela entón solicitabamos á cámara europea que a Serra do Galiñeiro se incluíse na R.N. 2000, e a denuncia,  foi admitida a trámite. Iso significa que a nosa demanda ten sentido e afortunadamente o procedemento segue adiante.

Ante o panorama de abandono do medio natural por parte das autoridades galegas esta Plataforma segue a reivindicar a súa protección, e así  o  domingo 13 de maio realizarase a III ANDAINA POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO. Nesta edición  está proxectado un percorrido circular pola zona norte, quizás a menos coñecida. Dende a Plataforma animamos á veciñanza e cidadáns a participar neste roteiro reivindicativo en defensa do Galiñeiro.

Mesa redonda sobre a enerxía eólica: Conclusións.

6 Mar

O pasado sábado 25 de febreiro A Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro celebrou unha mesa redonda sobre a enerxía eólica no Auditorio Municipal de Vigo.

Emilio Menéndez, enxeñeiro que desenvolveu parte da súa carreira no desenvolvemento da enerxía eólica, e na actualidade profesor honorario da Universidade Autónoma e Politécnica de Madrid, especialista en desenvolvemento sustentable, abriu a sesión coa seguinte afirmación: “Na implantación de infraestructuras deste tipo é necesario o consenso da poboación”

Damián Copena, profesor da universidade de Vigo e Investigador en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, fixo unha exposición sobre a expansión dos polígonos eólicos en Galicia a partir de 1995 e a súa repercusión no mundo rural galego. Trala realización dun amplo estudo afirma que de media, os propietarios dos terreos reciben tan só un 1% do total da facturación.

Xosé Beiras, da asociación ecoloxista Verdegaia, falou da repercusión negativa da enerxía eólica no medio natural debido á falta dun Plan Eólico Galego, e denunciou a falla de sensibilidade da Administración para tentar reducir os efectos negativos destas instalacións.

Mariano Tomás, activista do movemento “Contra parques eólicos de Valencia” amosou a súa positiva experiencia de loita o longo dos últimos oito anos.

Iván Novoa, técnico instalador de enerxías renovables explicounos a experiencia do centro de educación ambiental “As Corcerizas”, en Ourense, e os usos complementarios dos recursos enerxéticos que supoñen os eólicos de pequena potencia.

Ao final os asistentes, preto dun cento de persoas, manifestaron a súa preocupación polo sinsentido que supón a instalación dun polígono eólico na Serra do Galiñeiro, tal como o demostrou a mesa redonda de máis de unha hora de duración, que seguiu ás cinco intervencións dos relatores.

A serra do Galiñeiro está comprometida como polígono eólico dende o ano 2009 no que foi adxudicada á empresa Terra do Vento S.L, que ten o seu domicilio en Ourense, pero que é propiedade de Element Power España S.L. pertencente á multinacional Element Power, cuxo único propietario é “Hudson Clean Energy Partnes”, empresa de New Jersey, que ten un socio maioritario que é o Credit Suisse.

Ao contrario de paises como Dinamarca onde a enerxía eólica é explotada comunitariamente, en España fíxose da enerxía eólica un negocio para grandes empresas multinacionais. Ata o punto de que ao cabo de dez anos a instalación está amortizada e os beneficios son na proporción de 12 de ingresos fronte a 2 de gastos.

En contados casos se da unha explotación da enerxía eólica de maneira local, por institucións públicas, pequenos propietarios ou entidades locais. Sería o que se chama Parques Eólicos Singulares. A regulamentación dos decretos eólicos, especialmente do de marzo do 2010, faino practicamente imposible, e a eliminación das primas pode facer que no futuro o sector eólico se concentre aínda máis nas mans das grandes empresas.

Os propietarios dos terreos atópanse desprotexidos fronte as empresas e pode chegarse mesmo á expropiación aínda que estes queiran negociar o contrato. En moitos casos os dereitos sobre os terreos son a perpetuidade. As previsións en emprego e postos de traballo das empresas eólicas non se cumpren na maioría dos casos.

Galicia exporta a terceira parte da enerxía que produce e pola contra ten só o 11% do seu territorio protexido ambientalmente, cando as Directrices europeas esixen un 25 %. Na ampliación da REDE NATURA que se está levando a cabo nestes momento, e que só pretende chegar a un 16 %, evítanse todas as zonas con potencial eólico aínda que teñan valores ambientais de grande importancia.

Os estudos de impacto ambiental non pasan de ser un trámite administrativo que en rarísimas ocasións supuxo a non implantación dunha instalación eólica. Como exemplo decir que no Xistral se instalaron 30 polígonos eólicos en Lugares de Interese Comunitario (LIC), onde as turbeiras de alto valor ambiental foron destruídas, o que implica a expulsión á atmosfera de cantidades considerables de CO2 no proceso de degradación da turba, xusto o contrario do que se argumenta para instalar as infraestruturas eólicas.

A solución á crise enerxética non é esta, senón consumir menos enerxía, porque só é limpa a enerxía que non se consome. E de tódolos xeitos as necesidades enerxéticas deberan cubrirse cunha produción distribuida máis o próximo posible aos lugares de consumo. O transporte da enerxía crea un impacto ambiental forte pola degradación da zona por onde pasan as liñas, e pola gran perda de enerxía no propio transporte. A conclusión é clara: As Administracións galega e española ubican os eólicos non nos lugares con máis vento ou con menos risco ambiental, senon nos lugares con menos oposición social.

A Serra do Galiñeiro aparece nos mapas do I.D.A.E. como zona non apta de vento, é a prolongación natural e xeográfica do Parque Natural do Monte Aloia, é a unidade de paisaxe de máis valor do sur da provincia de Pontevedra. Dada a súa orografía tan abrupta as pistas de acceso necesarias para a instalación dos aeroxeradores e a instalación das bases dos mesmos suporían a destrución das súas ladeiras. Os valores ecolóxicos, arqueolóxicos e etnográficos do Galiñeiro, son sen dúbida, merecedores de protección, pois é un corredoro ecolóxico necesario entre o Baixo Miño, a ría de Vigo e o Parque Nacional das Illas Atlánticas… Pois ben, ningún destes argumentos ten en conta a Administración do país, e pola contra hipotecan o futuro do territorio en mans de empresas multinacionais. A isto só se lle pode chamar expolio do territorio.