Arquivo | Novembro, 2013

A Universidade de Vigo apoia as reivindicacións da Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro

5 Nov

O pasado mes de setembro a nosa plataforma enviou unha carta a Universidade de Vigo (UVigo) expoñendo as ameazas que penden sobre a Serra de Galiñeiro e solcitándolle, entre outras iniciativas:

  • Que a UVigo reclamase da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a protección real da serra do Galiñeiro, materializada nunha figura de protección efectiva e, concretamente, na de Parque Natural.
  • Que a UVigo se pronunciase en contra dos permisos de investigación mineira que a Consellaría de Economía e Industria promove na serra do Galiñeiro e que ameazan o propio Campus Universitario.

A resposta da Universidade de Vigo, que agradecemos e  adxuntamos, deixa ben claro o seguinte:

  • A Universidade de Vigo considera adecuado liderar unha petición institucional para instar a integración da Serra do Galiñeiro en redes nacionais ou internacionais de espazos protexidos. En particular, encomendará á súa Oficina de Medio Ambiente a realización do estudo científico preciso para iniciar o procedemento de declaración da Serra como Parque Natural.
  • A Universidade de Vigo interesará a nulidade do permiso de investigación e calquera outra concesión de dereitos mineiros sobre os terreos dos que é propietaria, para defender os usos públicos aos que estes terreos están destinados.

Próximamente a Plataforma contactará coa oficina de Medio Ambiente da UVigo para levar adiante conxuntamente estas iniciativas.