Arquivo | Outubro, 2013

Declaración en apoio á protección da Serra do Galiñeiro. Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia

7 Out

A proxección da Serra do Galiñeiro, que se estende polos concellos de Vigo, Mos, Gondomar, O Porriño e Tui, constitúe xunto coa Ría o referente fundamental na Paisaxe da comarca.

Coa excepción do Monte Aloia no concello de Tui, a Serra do Galiñeiro, a pesar dos seus valores carece de calquera figura de protección. O patrimonio natural, xeolóxico, cultural e etnográfico desta Coroa ben merece ser incluído na rede galega de espazos protexidos, e mesmo o patrimonio arqueolóxico, os xacementos de petroglifos da Auga da Laxe, Santa Lucía e Penedo das Pías, e mámoas como as de Chan das Moutas, deben ser debidamente protexidos e musealizados.

As ameazas que supoñen para o futuro da Serra do Galiñeiro certos proxectos sectoriais, que pola súa propia natureza non poden cohabitar co patrimonio existente, poñen en perigo no Galiñeiro un modelo de desenvolvemento sostible, tanto nas actividades agrarias, como nas deportivas, culturais e de turismo.

panoramagaliñeiro

Co gallo do Día Mundial da Arquitectura, e o seu lema Arquitectura e Cultura, a Delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en Vigo, fai público seu apoio as accións en defensa da Serra do Galiñeiro e a súa contorna, a prol da súa protección contra proxectos sectoriais que poidan alterar os seus valores naturais, paisaxísticos, sociais e arqueolóxicos. 

Domingo 6 de outubro as 12:00 na alameda de Santiago: Por unha Galiza sen lumes, por un rural con futuro

4 Out

O día 11 de setembro declarouse un incendio intencionado que destruiu por completo o Monte Pindo, o Olimpo Celta e monte sacro dos nosos antergos, puxo en perigo vidas e fogares, acabou con explotacións agrogandeiras, e fixo inútil o inxente esforzo de extinción. Este é o paradigma de que os incendios non só teñen a súa orixe no misto que o prende senón en anos e anos de desleixo e políticas desenfocadas, pois non só estamos ante a perda ecolóxica dun dos montes máis emblemáticos do País, senón ante o silencio cómplice dunha administración que desouvíu o berro dos milleiros de galegas e galegos que levamos anos esixíndolle á Xunta medidas efectivas de prevención mediante a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural. É esta a única figura de protección que permite a participación directa da sociedade na xestión do espazo e compromete un orzamento anual para protexelo e poñelo en valor. Esta decisión que dependía da vontade do conselleiro,Agustín Hernández, foi sistematicamente ignorada, provocando que todo polo que levamos tres anos loitando e traballando sexa hoxe un inmenso deserto de cinsa de case 2.500 hectáreas, co gasto inútil de millóns de euros públicos na extinción que nunha mínima parte terían permitido atallar a traxedia.

A catástrofe do Monte Pindo certificou o absoluto fracaso dunha política ambiental e de montes que desatendeu por completo a prevención dos lumes nos espazos naturais, rexeitou avances en materia de ordenación, multifuncionalidade, fomento de actividades tradicionais e especies autóctonas, para centrarse en entregar o noso territorio a intereses especulativos e empresas contaminantes, sen esquecer á gran industria pasteiro-enerxética que inzou os nosos montes de pirófitas coma o eucalipto. Vítimas destas políticas caeron xa o Monte Pindo, as Fragas do Eume, o Xistral, o Macizo Central, Xurés, Courel, A Limia, Corcoesto…, e ducias de espazos naturais valiosísimos que foron estragados impunemente causando ademais moitos problemas á veciñanza desde espazos porque os intereses do goberno galego son distintos aos intereses dos galegos e galegas.

Dase ademais a circunstancia de que o actual executivo decidiu agrupar na mesma área as competencias en infraestruturas, urbanismo e medio ambiente, co que dende o primeiro momento a natureza ficou supeditada aos proxectos mal chamados estratéxicos e aos intereses espúreos e coloniais de quenes só lles interesa o lucro e non a terra e os seus habitantes.

Unha Xunta que se parapeta agora detrás dos pirómanos, para agochar as súas miserias e negar que unha neglixente xestión do monte ten grande parte da culpa de que o lume se convirta nun perpetuo elemento da nosa paisaxe xeográfica e vital. Unha Xunta que ten a desvergoña de afirmar que un espazo natural arde con protección ou sen ela, mentras desmantela os servizos públicos de prevención e extinción de incendios. Unha Xunta que ignora deliberadamente que o monte que arde é aquel improdutivo para a súa veciñanza, o que leva irremediabelmente ao abandono das actividades tradicionais e a picar no engado envelenado dos especuladores sen escrúpulos que chegan cos seus proxectos enerxéticos, mineiros, urbanísticos… buscando un rápido lucro e deixando contaminación e pobreza.

A cidadanía galega e as entidades abaixo asinantes, confluiremos o 6 de outubro en Compostela para amosar o noso rexeitamento frontal a esta xestión suicida que ameaza con incendiar o País e reducir a cinsas o futuro dos nosos fillos e fillas. Portanto, ESIXIMOS:

Seguir lendo