Arquivo | Febreiro, 2024

A serra da Groba queda de momento libre de eólicos: cuarto proxecto tombado polo seu impacto ambiental

29 Feb

Fonte: Praza.gal

Cabalos salvaxes na serra da Groba e resolución ambiental desfavorable do cuarto proxecto eólico previsto para a zona CC-BY-SA Praza Pública – SOS Groba

A Consellería de Medio Ambiente vén de publicar este mércores no Diario Oficial de Galicia a declaración ambiental desfavorable do parque eólico Torroña I, que se pretendía instalar na serra da Groba, última gran serra litoral galega sen este tipo de instalacións. É o cuarto proxecto tombado nos últimos meses nesta zona polo seu impacto ambiental e xa non quedan de momento máis iniciativas pendentes de tramitar, tras desbotar outros promotores as súas antes mesmo desta fase de avaliación ambiental.

Emprazamento na serra da Groba do parque éolico Torroña I agora desbotado ambientalmente CC-BY-SA Xunta de Galicia.

A serra da Groba leva anos no obxectivo de diversas empresas promotoras de parques eólicos e outro tipo de instalacións enerxéticas, ante as que se vén levantando unha importante contestación por parte da veciñanza e dos concellos de todas as cores políticas das comarcas do Val Miñor e do Baixo Miño polas que se estende este espazo natural, que conta con hábitats que o Goberno galego vén evitando protexer.

En setembro de 2022 Medio Ambiente declaraba inviable o primeiro parque eólico analizado, denominado Albariño I, criticando as eivas dos estudos ambientais realizados pola súa empresa promotora, que obviaran a presenza na zona de especies protexidas. Dous meses máis tarde tamén era invalidado o parque denominado O Merendón, salientando neste caso a Xunta que o seu impacto paisaxístico sería “crítico”. E o pasado novembro era o proxecto denominado Toroña o invalidado ambientalmente polo seu impacto sobre bens patrimoniais, sobre as aves rapaces, “sobre a saúde das persoas” polos “efectos do ruído e parpadeo de sombras” e sobre a paisaxe, novamente cun “impacto crítico” neste último eido.

Marcha contra os eólicos na serra da Groba en 2020 © SOS Groba.

Agora tócalle a quenda ao parque Torroña I, impulsado por Desarrollos Renovables del Norte e que contaría con 22,8 MW repartidos en catro aeroxeradores entre os concellos de Baiona, Oia e Tomiño, entre a ría de Vigo e o río Miño. Segundo a avaliación ambiental feita pública este mércores, o seu impacto tería “repercusións negativas sobre o patrimonio arqueolóxico e a paisaxe”, segundo os informes sectoriais emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e polo Instituto de Estudos do Territorio. 

  • David ReineroDavid ReineroXornalista de datos máis que de anécdotas, forma parte da redacción de Praza Pública desde 2016 tras facer de todo en El País, Xornal de Galicia e Atlántico Diario