Arquivo | Outubro, 2018

Manifesto da VII ANDAINA pola Protección da Serra do Galiñeiro

25 Out

21 de Outubro de 2018
Sechu López

“Non se sabe o que temos ata que se perde”. A Serra do Galiñeiro sempre estivo aí, dende moito antes de nacer o primeiro galego, pero cada xeración debe esforzarse por protexela, pois acumula un gran valor; non debemos estar inactivos ante ameazas que a poden estragar, como a instalación de modernos muíños de vento ou a apertura de minas a ceo aberto ou por calquera outra explotación agresiva, que ademais suporían novas pistas e máis movementos de terra; entón levaríamos as mans á cabeza ante a tremenda desfeita, pero xa demasiado tarde para reaccionar, o dano sería irreversible.

Dende hai anos a biodiversidade deste importante paraxe montañoso granítico, gran referente paisaxístico paralelo á Ría de Vigo, situado na área de maior densidade de poboación de Galicia, ven soportando a grave e continua ameaza dos seus valores naturais, culturais e sociais, e mesmo económicos sostibles, polo que existe unha continua demanda social que reclama dende hai décadas a súa protección legal para mantelo a salvo de explotacións incompatibles coa conservación deses valores e facilitar un modelo de desenvolvemento sostible das numerosas e variadas actividades posibles (deportivas, recreativas, forestais, gandeiras, culturais, educación ambiental, turísticas…), pedindo a inclusión na Rede Natura 2000 e a declaración de Parque Natural.


Os veciños da Serra, habitantes de Vigo, Gondomar, O Porriño, Mos e Tui, poden gozar facilmente da súa singularidade e simbolismo, polo que son eles os máis interesados na súa protección e desenvolvemento, pero calquera persoa que a coñeza, sexa veciño ou non, estará de acordo en que os seus valores merecen ser preservados.

Seguir lendo

Imaxe

21 de outubro: VII Andaina “Serra do Galiñeiro: Parque Natural”

9 Out