Manifesto da VII ANDAINA pola Protección da Serra do Galiñeiro

25 Out

21 de Outubro de 2018
Sechu López

“Non se sabe o que temos ata que se perde”. A Serra do Galiñeiro sempre estivo aí, dende moito antes de nacer o primeiro galego, pero cada xeración debe esforzarse por protexela, pois acumula un gran valor; non debemos estar inactivos ante ameazas que a poden estragar, como a instalación de modernos muíños de vento ou a apertura de minas a ceo aberto ou por calquera outra explotación agresiva, que ademais suporían novas pistas e máis movementos de terra; entón levaríamos as mans á cabeza ante a tremenda desfeita, pero xa demasiado tarde para reaccionar, o dano sería irreversible.

Dende hai anos a biodiversidade deste importante paraxe montañoso granítico, gran referente paisaxístico paralelo á Ría de Vigo, situado na área de maior densidade de poboación de Galicia, ven soportando a grave e continua ameaza dos seus valores naturais, culturais e sociais, e mesmo económicos sostibles, polo que existe unha continua demanda social que reclama dende hai décadas a súa protección legal para mantelo a salvo de explotacións incompatibles coa conservación deses valores e facilitar un modelo de desenvolvemento sostible das numerosas e variadas actividades posibles (deportivas, recreativas, forestais, gandeiras, culturais, educación ambiental, turísticas…), pedindo a inclusión na Rede Natura 2000 e a declaración de Parque Natural.


Os veciños da Serra, habitantes de Vigo, Gondomar, O Porriño, Mos e Tui, poden gozar facilmente da súa singularidade e simbolismo, polo que son eles os máis interesados na súa protección e desenvolvemento, pero calquera persoa que a coñeza, sexa veciño ou non, estará de acordo en que os seus valores merecen ser preservados.


A máxima altura desta Serra supera por moi pouco os modestos 700 metros, no cumio do Monte Galiñeiro, que moitos chamamos Gali, pero a verticalidade dalgunhas das súas paredes graníticas dálle un aire maxestoso, ademais de ser unha Escola de Escalada de referencia. Lugar frecuentado por adultos e por cativos, por mozos e mozas que quizais soñan con ser montañeiros, escaladores, ou que só proban novas experiencias. Eses cativos que tantas veces son convidados polos seus pais ou monitores para facer nesta prezada serra algún deporte ou pasear ou simplemente xogar nos parques forestais, pero que tamén son ilustrados nos outros tesouros do lugar, como ante a impresionante Pedra da Laxe onde se lles indica as representacións de armas talladas na dura rocha hai miles de anos; ou na Cova da Becha contarlles a lenda da gran serpe á que convén ter contenta cunhas cuncas de leite; ou ao atopar un cabalo, explicarlles que é un curro; ou falar dunha necesaria repoboación do bosque axeitada, substituíndo especies invasoras como os eucaliptos e acacias, por árbores caducifolias (como están facendo algunhas comunidades de montes) que favorecen a biodiversidade de flora e fauna e diminúen o risco dos temidos incendios. Querendo ou sen ser moi conscientes diso, estamos educando en valores, eses que ten esta Serra, eses que non podemos permitirnos o luxo de perder, os dunha escola ao aire libre. Un terreo de aventura e cultura.

Sendeiristas, corredores, ciclistas e xinetes a cabalo, percorren frecuentemente os camiños desta serra á que pertence o Monte Aloia. ¿Que tan difícil será estender o veterano Parque Natural do Monte Aloia, o máis antigo de Galicia, para que inclúa toda esta mítica Serra? Son só uns poucos km máis cara o Norte, o sendeiro que une o Refuxio do Galiñeiro e o Refuxio do Aloia, ten escasamente só 9 km! Dúas ou tres horas andando tranquilamente, gozando da paisaxe. Sendo unha ampla demanda social, non se entende como a administración autonómica non o ten feito xa… doe!

¿Pretenden permitir obter materias primas ou enerxía a esgalla a costa de danar ou eliminar o noso patrimonio? ¿Desprezan o esforzo dos nosos antepasados por conservar tradicións e un modo de vida en sintonía coa nosa contorna? Nós pedimos respecto polos nosos orixes como pobo, polos usos tradicionais da terra e pola natureza, convencidos de que un desenvolvemento sostible é posible.

Pode que sigan a querer apoderarse destes montes, abusar deles, espremelos sen pudor… será en beneficio duns poucos, poderosos de lonxe, a quen lles importa un carallo a nosa opinión, só queren cartos e máis cartos. Esta serra é, como todas, inerte, constituída por un montón de rochas e pedras, que nacen do ventre da súa nai, a nai Terra, aquí coa particularidade de que moitas delas teñen pegadas milenarias: petróglifos, mámoas, cavidades de lendas… que conforman un pasado que nós non queremos perder. Á nai Terra, á nai Natureza, como a todas as nais, debémoslle o máximo respecto, porque elas dan vida. Estamos nunha sociedade que se preza de moderna, pero debe ser tamén respectuosa e ecoloxicamente sostible, non todo vale, debe progresar protexendo os seus valores máis puros, aqueles que levan anos, séculos e ata milenios, na nosa compaña, na compaña das xentes do pais, da terra, e así ten que seguir sendo.

Si ás enerxías limpas e respectuosas, non á destrución do territorio singular.
Si a gozar do que temos, non á complicidade co mercantilismo actual.
Si a deixar un legado do que poidan presumir as xeracións vindeiras, non a deixar o noso lixo e as desfeitas para que se encarguen os que veñan detrás.

Tras décadas pedindo que o Parque Natural do Monte Aloia se estendera cara o norte por toda a Serra do Galiñeiro, no ano 2008 o Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, anunciou a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a todo o cordal da Serra do Galiñeiro. O bo de Xosé Luís Méndez Ferrín, picou, como picamos todos, e escribiu un artigo publicado en Faro de Vigo o 28 de xuño dese ano, no que con especial ledicia mencionaba esa boa nova e un prometedor futuro do Galiñeiro, con palabras que cito:

“[…] as cousas van mudar para ben. As pedreiras e canteiras interromperán a “ruína montium”; as plantacións masivas de eucalipto coñecerán o seu fin; a apertura de pistas sen sentido terminará tamén e outra política será incentivada coa colaboración das comunidades de montes.
A riqueza xeolóxica d´O Galiñeiro terá que ser divulgada; o casarío tradicional dos Cabreiros, de Prado ou de Vilas, seguramente será protexido; o gando e habenza (cabalos, vacas, cabrío) coñecerá un forte e novo pulo; a riqueza arqueolóxica (petróglifos e murallas xemelgas d´O Aloia e As Gallas) converterán o parque nun museo a pleno ar. E outras moitas e boas cousas.”

E aquí estamos, 10 anos despois pedindo aquelo que xa parecía estar conseguido. Se ben os Concellos da contorna están a favor da Protección desta Serra, a Xunta de Galicia non pon ningún interese e lamentablemente a degradación da Serra continúa. Aparecendo cada certo tempo novas ou vellas ameazas que, grazas a un puñado de persoas atentas e dispostas a traballar polo ben común, fan mobilizar á sociedade para reclamar, unha e outra vez, a necesaria protección legal deste Espazo Natural, ata que se consiga. Que o teñan ben claro os que gobernan a nosa terra, o noso país, dende Santiago. Reclamamos sensibilidade, agarimo e xustiza para esta benquerida terra de Turonio… Pola Protección da Serra do Galiñeiro, Parque Natural xa!

Hoxe estamos aquí para demostrar que “A unión fai a forza”.

Grazas por asistir.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: