Manifesto pola Protección da Serra do Galiñeiro

13 Feb

Logo
MANIFESTO POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO

Manifestamos que a Serra do Galiñeiro, lugar natural de encontro dos Concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui, é un lugar senlleiro polos seus valores naturais (xeolóxicos, biolóxicos, paisaxísticos), culturais (históricos, arqueolóxicos, etnográficos), sociais e económicos (actividades tradicionais que aproveitan de xeito sustentable e rendible os recursos do monte; actividades de lecer; deportes de natureza).  

Consideramos que este espazo natural e os seus valores teñen que ser protexidos ao amparo das lexislacións europea, galega e municipal vixentes. A pesar dos convenios internacionais e das directivas europeas, Galicia só protexe (e de xeito ineficaz) o 11,6% do seu territorio (a media estatal é do 27%,  Asturias protexe o 33 %, e Madrid o 40%). Por tal motivo, o noso país ten que enfrontar unha sanción da Unión Europea. A rede galega de espazos protexidos debe ser ampliada, e a Serra do Galiñeiro debe formar parte dela. 

Denunciamos as actividades altamente impactantes que estragan a Serra, perseguindo a cega idea dun desenvolvemento ilimitado, e usando a natureza dun xeito irreponsable: a plantación masiva e a proliferación incontrolada de especies foráneas (eucaliptos, piñeiros e acacias), que reducen a biodiversidade e aumentan o risco de incendio; a proliferación de canteiras (moitas delas ilegais), o abandono de canteiras esgotadas sen a debida restauración; a apertura masiva de pistas, o seu ancheado e recrecemento con terra e entullo, o seu asfaltado; a práctica deportiva con vehículos a motor (todoterreos, motos de cross e quads) dentro e fora das pistas; os movementos incontrolados de terra; os vertedoiros incontrolados de lixo e entullo; a acampada ilegal;a destrución neglixente ou intencionada de patrimonio arqueolóxico. E agora están en proxecto grandes infraestruturas (un parque eólico; estradas de circunvalación urbana) e industrias de alto impacto (unha trituradora de entullo), que ameazan con degradar a Serra dun xeito xeralizado e irreversible. 

Solicitamos a protección da Serra do Galiñeiro pola súa riqueza como espazo natural e cultural. A Serra é un ben natural, valioso en sí mesmo. Pero tamén é un ben común. A xeración actual debe preservala para as xeracións vindeiras e, con ela, debe conservar os seus valores:  

 ·       A súa morfoloxía: o seu modo e elevarse e a configuración das súas formacións rochosas, que fan dela un referente paisaxístico nas bisbarras do Val Miñor, Vigo, A Louriña, O Baixo Miño e O Morrazo. 

·       O seu rico patrimonio xeolóxico: as formacións de gneis de riebeckitanos cumes máis altos da Serra. Os seus valores tectónicos, únicos no mundo. As súas formacións xeomorfolóxicas, como A Cova da Becha, de orixe periglaciar, en Vincios, ou Os Milaghres da Trapa, nos Cabreiros. As súas cavidades, como as do monte dos Arruídos, en Vincios, ou A Lapa da Moura, en Vilas, Morgadáns. 

·       O seu rico patrimono biolóxico: hábitats de breixeiras húmidas, brañas, turbeiras e matogueiras de influencia mediterránea e termófilas con endemismos, algúns deles catalogados pola Directiva Europea 43/92/CEE, como “Hábitats Prioritarios”, (como as “Breixeiras húmidas atlánticas meridionais de Ericas“) ou “Hábitats de Interese Comunitario”, (como as “Breixeiras secas” e os “Pastos pioneiros en superficies rochosas”). A Serra acubilla fauna de escasa presenza en Galiza, coma a azulenta papuda, e endemismos coma a saramaganta (Chioglossa lusitanica), e a rá patilonga. Tamén acubilla avifauna migratoria, como o picanzo real ou o pedreiro cincento. A ampliación da superficie protexida do Parque Natural do Monte Aloia a toda a Serra do Galiñeiro garantiría a continuidade dos ecosistemas imprescindibles para todas estas especies animais e vexetais da Serra. 

·       As pegadas da presenza humana en época prehistórica: petróglifos como o de “Agua da Laxe”, de características únicas no continente europeo; mámoas como as da Chan das Moutas e as dos Bromús. Elementos senlleiros de época histórica, como os restos da Fortaleza do Galiñeiro. Elementos relevantes da arquitectura e da técnica populares, como as presas, as levadas e os muíños de auga. Pero este  valioso patrimonio sofre estragos continuos. Os petróglifos de Santa Lucía (un deles, con alabardas) foron soterrados (enteiros ou relados) ao ampliar un picadeiro. Tres das nove mámoas da Chan das Moutas desapareceron: dúas foron desfeitas ao achanzar unha pradería; a outra foi soterrada por un recheo. 

·       As numerosas cavidades existentes na Serra. Cavidades que posúen valores xeolóxicos singulares. Abrigueiros naturais que son acubillo e leito de elementos arqueolóxicos de orixe prehistórica e medieval; abeiro para o pastoreo comunal e, ata hai ben pouco, albergue de obradoiros de cantería artesanal, como a “Casa do Demo”. Cavidades que son orixe e morada dun rico patrimonio inmaterial, expresado en numerosas lendas populares e nun amplo abano de seres mitolóxicos a elas asociados. Estes verdadeiros monumentos etnográficos e o seu entorno natural deben conservarse inalterados. 

·       O aproveitamento multifuncional da Serra que fan moitas Comunidades de Montes, veciños e particulares, mediante actividades sustentables e rendibles, que crean as condicións necesarias para a agricultura e a gandería ecolóxicas, e que manteñen viva a identidade do rural. A súa economía sustenta, ademais, valiosas actividades dos centros culturais das parroquias, dinamizando a cultura do pobo. 

·       O pastoreo de gando ceibe: cabalos, vacas, ovellas e cabras. A existencia de greas de cabalos do monte galegos permite a celebración de dous Curros: o de Vincios e o de Morgadáns. Esta raza equina autóctona está en perigo de extinción, e o Real Decreto 1682/1977 establece a súa protección especial. 

·       As augas superficiais e subterráneas da Serra, que abastecen ao encoro de Zamáns e ás traídas de auga potable da veciñanza de todo o seu entorno.  

·       O valor social que ten a Serra, nun territorio tan poboado como é o Val Miñor, Vigo, A Louriña, o Baixo Miño e O Morrazo, como lugar idóneo para actividades de lecer (sendeirismo; colleita de cogumelos), deportes de natureza (escalada; carreiras de orientación) e actividades culturais (estudio e divulgación da riqueza natural, histórica e social do lugar). 

Reclamamos que as administracións públicas acometan a protección da Serra dun xeito real e eficaz. No ano 2008, o Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e os alcaldes dos Concellos da zona anunciaron a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a todo o cordal da Serra do Galiñeiro. Foi unha declaración baleira. No ano 2009, a Comisión de Espazos Naturais da Axenda 21 do Concello de Gondomar avalou as razóns da ampliación e apoiouna. Pero, a día de hoxe, os poderes públicos abandoaron ese obxectivo. No ámbito local, só os Concellos de Vigo e O Porriño clasifican nos seus Plans Xerais de Ordenación Municipal a súa parte da Serra como Solo Rústico de Protección de Espazos Naturais. O Concello de Gondomar parece seguir o mesmo camiño. Pero a Xunta de Galicia non manifesta intención ningunha de protexer este valioso lugar. Mentras tanto, a degradación da Serra continúa, e multiplícanse o número e o alcance das ameazas que penden sobre ela. 

Invitamos a toda a cidadanía, entidades (colectivos, asociacións, comunidades, clubes) e particulares, a tomar parte neste esforzo colectivo Pola protección da Serra do Galiñeiro. A vosa participación con traballo, ideas ou un simple apoio é necesaria para salvagardar as riquezas naturais, culturais e sociais da Serra e conseguir a súa protección definitiva. 

Subscribimos este manifesto:

 
* ADEGA * AMIGOS DA TERRA * A RÍA NON SE VENDE * ASOCIACIÓN “A GROBA” * ASOCIACIÓN CULTURAL BERRA VAL MIÑOR * ASOCIACIÓN CULTURAL “FESTA DA PREHISTORIA”, DE MOS * ASOCIACIÓN TREZE-CATORZE, DE SALCEDA DE CASELAS * ASOCIACIÓN GALEGA DE APICULTURA (A.G.A.) * ASOCIACIÓN MUNDO MINERO * ASOCIACIÓN VECIÑAL CASCO VELLO DE VIGO * ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE VINCIOS * CENTRO CULTURAL AS PEDRIÑAS DE TAMEIGA, MOS * CENTRO SOCIAL “A FAÍSCA” * CENTRO DOCIAL A REVOLTA * CLUBE ESPELEOLÓXICO MAÚXO  * CLUB DE MONTAÑA E ESCALADA AZIMUT * CLUB DE MONTAÑA PENA TREVINCA * COMUNIDADE DE MONTES V. M. C. DE COUSO * COMUNIDADE DE MONTES V. M. C. DE CHAÍN * COMUNIDADE DE MONTES V. M. C. DE VINCIOS * FEDERACIÓN DE AA. VV. EDUARDO CHAO, DE VIGO * FEDERACIÓN GALEGA DE MONTAÑISMO * INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORANOS * MONTAÑEIROS CELTAS * MONTAÑEIROS XISTRA * OUTROVIGOÉPOSIBLE * PLATAFORMA POLA DEFENSA DA RÍA DE VIGO CÍES * SALVEMOS MONTEFERRO * S.O.S. GROBA * VERDEGAIA

Baixao en pdf.

8 Respostas to “Manifesto pola Protección da Serra do Galiñeiro”

  1. Carreiros 17/02/2011 ás 7:16 pm #

    Non podemos deixar que escarallen este monte. Non é necesario xerar enerxia acosta do que sexa….

  2. chano 17/02/2011 ás 9:41 pm #

    A pesar de estar lejos de nuestra tierra, quiero sumarme, a todo el colectivo que se està movilizando en defensa de uno de nuestros montes mas emblematicos y querido. !!O GALIÑEIRO¡¡Chano

  3. Miguel Seoane Alvarez 23/02/2011 ás 3:04 am #

    Noraboa!!!
    Preto de 1400 camiñantes opoñendose aos eólocos na serra do Galiñeiro, confluíndo nunha andaina pasada por auga, á intemperie dos abruptos 700 m do noso querido Galiñeiro, representan un contundente rexeitamento ao absurdo proxecto que tanto dano pode facernos a moitos na actualidade e a infinidade mais no futuro. Por contra, so uns poucos cegados polos cartos (entre outras cousas), verianse beneficiados, sendo tan escasa a contribución a esa excusa do suposto progreso sustentable.
    Menos mal que as cuestións metereolóxicas desanimaron e desixaron na casa ás 2/3 partes dos que querían asistir…, senón a presencia humana tería sido abrumadora para a serra que defendemos, e tamén unha complicación para a impecable organización.
    As 25 asociación locais (de índole veciñal, científica,cultural, de aproveitamento dos recursos, ..) agrupadas nesta defensa representan unha ampla covertura social ao redor de conviccións baseada en sobrados argumentos de peso e baixo a autoridade da razón. Amosan o avísmo que existe entre a “valía” do que pretenden deteriorar e os intereses polos que vela unha política capaz de declarar este proxecto como de “Interés Xeral” .
    Por si non o entenden: Cuanta sinvergüencería!!
    Perdón pola extensión. As canles informativas non deron eco axeitado dun acontecemento multitudinario. Porqué será??
    25 de febrero
    1ª Festa-Denuncia pola protección do Galiñeiro, desde las 18.00 horas en la taberna Marrucho (Baiona).
    3 de marzo
    Mesa redonda con deportistas de proyección internacional, en Centro Cultural de Valladares.
    .
    Optimismo, firmeza e tesón.
    Apertas

  4. Dafne 24/02/2012 ás 9:49 am #

    estamos con bostede para q non estropéen as arbores da serra do galiñreiro

  5. d:D´ 17/12/2012 ás 12:21 pm #

    Dende logo, o que fan os mentireiros no poder…
    (Pois pareceme a min que iso só benefiza os seus petos
    e ninguén do pobo)
    Loitade ata rematalo, camaradas, adiante
    Breves saúdos
    Deica logo

  6. Manolo Lolailo 22/04/2013 ás 8:41 pm #

    Aquí déixovos estas enlaces, dirixido a todos aqueles que aínda poidan ter algún tipo de dubida acerca da importancia de manter viva e intacta a Serra do Galiñeiro. No so se trata de defender un lugar onde poder quedar para tomar unha merenda con amigos e familia, ou donde poder realizar actividades variadas( A presión demográfica conseguirá o que non consigan outros), temos que prantar cara e pensar en sentar bases de aqui ate o infinito….
    A cuestión é que hai que defender un ben único, no que o seu redor xiran todo un mundo de aspectos de gran importancia e nos que nun destes enlaces fan mención. Penso que a única figura que debera acabar con todo é quen lle deu nacemento, e dicir, a propia natureza, e nos, que somos una parte mais da fauna e flora temos a obriga de garantir que esta premisa se poida materializar….
    Un bico a todos e gracias, gracias, gracias

    http://www.igme.es/internet/Patrigeo/PagProvincias/pagpig/InformacionPIG2.asp?Id=261001
    http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2010/12/28/tesoro-700-metros-altura/504068.html

Trackbacks/Pingbacks

  1. Isca » Convocam marcha na defesa da serra do Galinheiro - 15/09/2011

    […] “real e eficaz” da Serra. Podedes consultar aqui mais dados sobre a marcha e o manifesto Os comentarios están fechados, mais podes deixar o trackback Trackback […]

  2. 2013.04.22. Prensa. (Caminata en defensa de la Serra do Galiñeiro) | Coordinadora d'Estudis Eòlics del Comtat - 22/04/2013

    […] espazos protexidos e a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a todo o espazo do Galiñeiro. O Manifesto pola Protección da Serra do Galiñeiro publicado pola Plataforma no pasado mes de febreiro recolle os principais elementos de valor da […]

Deixar un comentario