Tag Archives: Galiñeiro

RESUMO DA MESA REDONDA COS DEPORTISTAS

11 Mar

Mesa redonda cos deportistasA plataforma “pola protección da serra do Galiñeiro” celebrou o pasado 3 de marzo no salón de actos do centro cultural e veciñal de Valladares unha mesa redonda con deportistas de proxección internacional.

Nela expuxéronse e debateronxe aspectos relacionados cun dos valores que máis persoas atraen á serra durante todo o ano, como son as actividades físico-deportivas. Sendeiristas, ciclistas de montaña, escaladores, corredores de orientación etc percorren os múltiples carreiros e vías de escalada e gozan da paisaxe e a enorme beleza dos seus bosques, vaguadas, pedras e arestas.

Seguir lendo

Advertisements

II Mesa Redonde Pola Protección da Serra do Galiñeiro

24 Feb

II Mesa redonda Pola Protección da Serra do Galiñeiro

DIA: 3 de Marzo, xoves

HORA: as 20:15 horas

LUGAR: Centro Veciñal e Cultural de Valadares

Celebrarase a Segunda mesa redonde “Pola Protección da Serra do Galiñeiro”, neste caso cunha temática relacionada co mundo do ocio e o deporte.

 

Debaterase sobre un dos valores máis importantes da serra: as posibilidades de ocio e deporte.

Outro punto a debatir será o estado de conservación do medio natural Galego dende o punto de vista das porsoas que realizan algunha actividade física nel.

Preme no cartaz para amplialo.

O Castelo do Galiñeiro

23 Feb

O Castelo de Galiñeiro

 Un traballo de: Manuel gago, xornalista e profesor da USC – Xosé Gago, Historiador da Arte – Rafael Rodríguez, Aequeólogo – Xurxo Salgado, Xornalista. Fotografías: Soledad Felloza

O CASTELO DO GALIÑEIRO

Unha xoia arqueolóxica de Galicia

Nalgúns afastados outeiros presérvase, case como un tesouro esquencido, a principal proba dos tempos difíciles que se viviron durante a decadencia e caída do Imperio Romano: son AS GRANDES FORTALEZAS EN ALTURA DE GALICIA, construídas para protexer as vidas dunha numerosa poboación. Estes antigos castelos representan, ademáis, unha fascinante SÍNTESE DE DÚAS CULTURAS: o ancestral mundo dos castros e a confluencia co poder e a sociedade Romana. Estes sitios arqueolóxicos son unha xoia da Historia de Europa que, miragreiramente se preservaron ata hoxe no centro da antiga provincia de Gallaecia, na actual Galicia. O Castelo do Galiñeiro constitúe un dos exemplos mellor conservados desde tempo do que nos falta moito por coñocer.

Seguir lendo

Concertos solidarios coa Plataforma Pola Defensa da Serra do Galiñeiro

20 Feb

O próximo 25 de Febreiro o COLECTIVO BERRA, como membro da PLATAFORMA POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO, organiza unha festa reivindicativa para recaudar cartos  para esta loita. Será na TABERNA MARRUCHO, na Percibilleira, Baiona. 

Os cartos recadados da entrada, que terá un prezo de 5 euros, irán destinados á defensa do Galiñeiro.

Agardamos a presenza de tod@s e agradecemos a máxima difusión deste evento!!

GOBERNE QUEN GOBERNE O GALI NON SE VENDE!!

Horario e actividades:

17.00H. Actividades para cativ@s a cargo do grupo TRASNADAS.

18.00H. Espectáculo de Novo Circo da man da compañía CIRCO ESCARRANCHADO.

19.00H. Recital de poesía das Redes Escarlata.

20.00H. “Cabesa de Boi”, monólogo.

21.00H. – 23.00H. Cea solidaria acompañada de boa musica en directo co grupo A SENEIRA.

23.30H. Actuacións musicais a cargo dos grupos SKACHA, TIRO NA TESTABERRA BANDA. A continuación fin de festa con Incrépula Sound e DJ Cheodemoskas que ambiantarán musicalmente ata que o corpo aguante!!

Concertos solidarios

Andaina Pola Protección da Serra do Galiñeiro

13 Feb

Organiza:Plataforma pola defensa da Serra do Galiñeiro
DIA:DOMINGO 20 DE FEBREIRO DO 2011
LUGAR: PARQUE FORESTAL DO GALIÑEIRO
HORA: 10:30 DA MAÑÁ
TEMPO ESTIMADO:2,50 HORAS

Andaina 20:02_2011

Os Montañeiros Celtas e o clube Peña Trevinca, organizan un paseo por un antigo camiño, hoxe pista forestal, que rodea a Serra do Galiñeiro. Esperamos un grande número de asistentes. Queremos trasmitir á opinión publica que, ante os grandes valores da Serra do Galiñeiro, e ante as ameazas de degradación que penden sobre ela, unha gran maioria dos veciños dos 5 municipios que rodean a Serra (GONDOMAR, VIGO, MOS, PORRIÑO E TUI) queremos solicitar a súa clasificación como como ESPAZO NATURAL PROTEXIDO. Polo tanto, rexeitamos a instalación do PARQUE EÓLICO Previsto na Serra a do Galiñeiro, debido ás graves consecuencias que tería sobre este espazo:

Seguir lendo

Manifesto pola Protección da Serra do Galiñeiro

13 Feb

Logo
MANIFESTO POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO

Manifestamos que a Serra do Galiñeiro, lugar natural de encontro dos Concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui, é un lugar senlleiro polos seus valores naturais (xeolóxicos, biolóxicos, paisaxísticos), culturais (históricos, arqueolóxicos, etnográficos), sociais e económicos (actividades tradicionais que aproveitan de xeito sustentable e rendible os recursos do monte; actividades de lecer; deportes de natureza).  

Consideramos que este espazo natural e os seus valores teñen que ser protexidos ao amparo das lexislacións europea, galega e municipal vixentes. A pesar dos convenios internacionais e das directivas europeas, Galicia só protexe (e de xeito ineficaz) o 11,6% do seu territorio (a media estatal é do 27%,  Asturias protexe o 33 %, e Madrid o 40%). Por tal motivo, o noso país ten que enfrontar unha sanción da Unión Europea. A rede galega de espazos protexidos debe ser ampliada, e a Serra do Galiñeiro debe formar parte dela. 

Denunciamos as actividades altamente impactantes que estragan a Serra, perseguindo a cega idea dun desenvolvemento ilimitado, e usando a natureza dun xeito irreponsable: a plantación masiva e a proliferación incontrolada de especies foráneas (eucaliptos, piñeiros e acacias), que reducen a biodiversidade e aumentan o risco de incendio; a proliferación de canteiras (moitas delas ilegais), o abandono de canteiras esgotadas sen a debida restauración; a apertura masiva de pistas, o seu ancheado e recrecemento con terra e entullo, o seu asfaltado; a práctica deportiva con vehículos a motor (todoterreos, motos de cross e quads) dentro e fora das pistas; os movementos incontrolados de terra; os vertedoiros incontrolados de lixo e entullo; a acampada ilegal;a destrución neglixente ou intencionada de patrimonio arqueolóxico. E agora están en proxecto grandes infraestruturas (un parque eólico; estradas de circunvalación urbana) e industrias de alto impacto (unha trituradora de entullo), que ameazan con degradar a Serra dun xeito xeralizado e irreversible. 

Solicitamos a protección da Serra do Galiñeiro pola súa riqueza como espazo natural e cultural. A Serra é un ben natural, valioso en sí mesmo. Pero tamén é un ben común. A xeración actual debe preservala para as xeracións vindeiras e, con ela, debe conservar os seus valores:  

 ·       A súa morfoloxía: o seu modo e elevarse e a configuración das súas formacións rochosas, que fan dela un referente paisaxístico nas bisbarras do Val Miñor, Vigo, A Louriña, O Baixo Miño e O Morrazo. 

·       O seu rico patrimonio xeolóxico: as formacións de gneis de riebeckitanos cumes máis altos da Serra. Os seus valores tectónicos, únicos no mundo. As súas formacións xeomorfolóxicas, como A Cova da Becha, de orixe periglaciar, en Vincios, ou Os Milaghres da Trapa, nos Cabreiros. As súas cavidades, como as do monte dos Arruídos, en Vincios, ou A Lapa da Moura, en Vilas, Morgadáns. 

·       O seu rico patrimono biolóxico: hábitats de breixeiras húmidas, brañas, turbeiras e matogueiras de influencia mediterránea e termófilas con endemismos, algúns deles catalogados pola Directiva Europea 43/92/CEE, como “Hábitats Prioritarios”, (como as “Breixeiras húmidas atlánticas meridionais de Ericas“) ou “Hábitats de Interese Comunitario”, (como as “Breixeiras secas” e os “Pastos pioneiros en superficies rochosas”). A Serra acubilla fauna de escasa presenza en Galiza, coma a azulenta papuda, e endemismos coma a saramaganta (Chioglossa lusitanica), e a rá patilonga. Tamén acubilla avifauna migratoria, como o picanzo real ou o pedreiro cincento. A ampliación da superficie protexida do Parque Natural do Monte Aloia a toda a Serra do Galiñeiro garantiría a continuidade dos ecosistemas imprescindibles para todas estas especies animais e vexetais da Serra. 

·       As pegadas da presenza humana en época prehistórica: petróglifos como o de “Agua da Laxe”, de características únicas no continente europeo; mámoas como as da Chan das Moutas e as dos Bromús. Elementos senlleiros de época histórica, como os restos da Fortaleza do Galiñeiro. Elementos relevantes da arquitectura e da técnica populares, como as presas, as levadas e os muíños de auga. Pero este  valioso patrimonio sofre estragos continuos. Os petróglifos de Santa Lucía (un deles, con alabardas) foron soterrados (enteiros ou relados) ao ampliar un picadeiro. Tres das nove mámoas da Chan das Moutas desapareceron: dúas foron desfeitas ao achanzar unha pradería; a outra foi soterrada por un recheo. 

·       As numerosas cavidades existentes na Serra. Cavidades que posúen valores xeolóxicos singulares. Abrigueiros naturais que son acubillo e leito de elementos arqueolóxicos de orixe prehistórica e medieval; abeiro para o pastoreo comunal e, ata hai ben pouco, albergue de obradoiros de cantería artesanal, como a “Casa do Demo”. Cavidades que son orixe e morada dun rico patrimonio inmaterial, expresado en numerosas lendas populares e nun amplo abano de seres mitolóxicos a elas asociados. Estes verdadeiros monumentos etnográficos e o seu entorno natural deben conservarse inalterados. 

·       O aproveitamento multifuncional da Serra que fan moitas Comunidades de Montes, veciños e particulares, mediante actividades sustentables e rendibles, que crean as condicións necesarias para a agricultura e a gandería ecolóxicas, e que manteñen viva a identidade do rural. A súa economía sustenta, ademais, valiosas actividades dos centros culturais das parroquias, dinamizando a cultura do pobo. 

·       O pastoreo de gando ceibe: cabalos, vacas, ovellas e cabras. A existencia de greas de cabalos do monte galegos permite a celebración de dous Curros: o de Vincios e o de Morgadáns. Esta raza equina autóctona está en perigo de extinción, e o Real Decreto 1682/1977 establece a súa protección especial. 

·       As augas superficiais e subterráneas da Serra, que abastecen ao encoro de Zamáns e ás traídas de auga potable da veciñanza de todo o seu entorno.  

·       O valor social que ten a Serra, nun territorio tan poboado como é o Val Miñor, Vigo, A Louriña, o Baixo Miño e O Morrazo, como lugar idóneo para actividades de lecer (sendeirismo; colleita de cogumelos), deportes de natureza (escalada; carreiras de orientación) e actividades culturais (estudio e divulgación da riqueza natural, histórica e social do lugar). 

Reclamamos que as administracións públicas acometan a protección da Serra dun xeito real e eficaz. No ano 2008, o Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e os alcaldes dos Concellos da zona anunciaron a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a todo o cordal da Serra do Galiñeiro. Foi unha declaración baleira. No ano 2009, a Comisión de Espazos Naturais da Axenda 21 do Concello de Gondomar avalou as razóns da ampliación e apoiouna. Pero, a día de hoxe, os poderes públicos abandoaron ese obxectivo. No ámbito local, só os Concellos de Vigo e O Porriño clasifican nos seus Plans Xerais de Ordenación Municipal a súa parte da Serra como Solo Rústico de Protección de Espazos Naturais. O Concello de Gondomar parece seguir o mesmo camiño. Pero a Xunta de Galicia non manifesta intención ningunha de protexer este valioso lugar. Mentras tanto, a degradación da Serra continúa, e multiplícanse o número e o alcance das ameazas que penden sobre ela. 

Invitamos a toda a cidadanía, entidades (colectivos, asociacións, comunidades, clubes) e particulares, a tomar parte neste esforzo colectivo Pola protección da Serra do Galiñeiro. A vosa participación con traballo, ideas ou un simple apoio é necesaria para salvagardar as riquezas naturais, culturais e sociais da Serra e conseguir a súa protección definitiva. 

Subscribimos este manifesto:

 
* ADEGA * AMIGOS DA TERRA * A RÍA NON SE VENDE * ASOCIACIÓN “A GROBA” * ASOCIACIÓN CULTURAL BERRA VAL MIÑOR * ASOCIACIÓN CULTURAL “FESTA DA PREHISTORIA”, DE MOS * ASOCIACIÓN TREZE-CATORZE, DE SALCEDA DE CASELAS * ASOCIACIÓN GALEGA DE APICULTURA (A.G.A.) * ASOCIACIÓN MUNDO MINERO * ASOCIACIÓN VECIÑAL CASCO VELLO DE VIGO * ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE VINCIOS * CENTRO CULTURAL AS PEDRIÑAS DE TAMEIGA, MOS * CENTRO SOCIAL “A FAÍSCA” * CENTRO DOCIAL A REVOLTA * CLUBE ESPELEOLÓXICO MAÚXO  * CLUB DE MONTAÑA E ESCALADA AZIMUT * CLUB DE MONTAÑA PENA TREVINCA * COMUNIDADE DE MONTES V. M. C. DE COUSO * COMUNIDADE DE MONTES V. M. C. DE CHAÍN * COMUNIDADE DE MONTES V. M. C. DE VINCIOS * FEDERACIÓN DE AA. VV. EDUARDO CHAO, DE VIGO * FEDERACIÓN GALEGA DE MONTAÑISMO * INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORANOS * MONTAÑEIROS CELTAS * MONTAÑEIROS XISTRA * OUTROVIGOÉPOSIBLE * PLATAFORMA POLA DEFENSA DA RÍA DE VIGO CÍES * SALVEMOS MONTEFERRO * S.O.S. GROBA * VERDEGAIA

Baixao en pdf.

I Mesa redonda Pola Protección da Serra do Galiñeiro

25 Dec

defensa-do-galineiro.jpg

Prema na imaxe para ampliala.

DIA: 28 de Decembro de 2010
HORA: 20:00 horas
LUGAR: Sede do IEM. Aula de Cultura “PONTE DE ROSAS”
Avda. da Feira Nº 10.
Gondomar