Arquivo | Denuncias RSS feed for this section

Solicitamos o posicionamento dos partidos políticos ante a ameaza dos parques eólicos

2 Xuñ

PETICIÓN  SOBRE A SÚA OPINIÓN  E POSICIONAMENTO AOS PARTIDOS POLÍTICOS  NOS CONCELLOS DO VAL DE MIÑOR, BAIXO MIÑO, A LOURIÑA E VIGO SOBRE A CONSTRUCCIÓN DE PARQUES EÓLICOS NAS SERRAS DA GROBA E O GALIÑEIRO.

Ante a aparición nestes días de pandemia e confinamento de novas sobre a aceleración de proxectos eólicos para as serras da Groba e do Galiñeiro, e outros proxectos industriais polo país adiante,  e visto no Rexistro Eólico de Galicia (REG) a aparición de novos proxectos na Serra da Groba, sumados aos xa vellos , e polo que a sociedade civil de Galicia e maís dun cento de colectivos recorren e piden a suspensión das dúas ordes da Xunta que reactivan a tramitación de procedementos administrativos durante o estado de alarma.

107 asociacións e colectivos presentan recurso de reposición no que se pide a suspensión cautelar das Ordes do 27 de abril e do 5 de maio polas que a Xunta dá luz verde á continuidade da tramitación administrativa de case 1000 proxectos industriais de grande impacto en pleno estado de alarma.

Tamén solicitan á Delegación do Goberno en Galicia que revise se estas disposicións se axustan a Dereito.

Este recurso foi presentado polo grupo de traballo denominado ALERTA AMBIENTAL GALEGA que nacía hai menos dun mes como resposta ao acordo do Consello da Xunta do xoves 30 de abril do 2020 (DOG deste 4 de maio) no que se aprobou reactivar a tramitación administrativa en materia de avaliación ambiental de 975 proxectos que estaban paralizados polo Real Decreto que declarou o Estado de alarma. Posteriormente, a Xunta de Galicia ditou unha nova Orde a través da Consellaría Industria, que se publicou no DOG do 11 de maio, pola que non só se daba luz verde á continuidade da tramitación de centos de expedientes administrativos con forte impacto ambiental, senón que lexitimaba á Xunta para aprobar tales proxectos industriais de grande impacto.

E ante a reiteración de proxectos lexivos para as serras da Groba con seis proxectos distintos cos nomes de P.E. Albariño I, Torroña, Torroña I, Torroña III, Rosal e Merendón con un total de 44 torres de aeroxeradores e 4 subestacións de transformación e transporte. Na Serra do Galiñeiro irían 13 torres de aeroxeradores. A todo isto habería que sumar  as respectivas pistas de acceso e evacuación de varios milleiros de metros por zonas de grande  valor  ecolóxico e patrimonial, creando un grande impacto visual  e ambiental, xa denunciado hai varios anos cando se iniciaron os primeiros procedementos, e nos que a sociedade civil manifestou o seu rexeitamento.  Non falamos de euros nin de prezos de alugueiro, nin de postos de traballo, discursos que o grande capital quere vender para convencer e evitar o rexeitamento. Tampouco estamos a falar de enerxías limpas nin de transición ecolóxica. Non estamos en contra da enerxía eólica, estamos en contra dos modelos de explotación que explotan recursos para tirar beneficios para grandes emporios  e tentando mercar patrimonios que non teñen prezo e si moito valor, como son os do medio natural, a paisaxe,  o patrimonio cultural e o  monte multifuncional explotado polos veciños  e comuneiros.

 

As Asociacións Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro e SOS GROBA  ante o exposto:

 

SOLICITAMOS DO SEU PARTIDO POLITICO

Se posicione publicamente e nos plenos dos concellos onde teñen representación a maior brevidade, e antes da campaña eleitoral  sobre estes proxectos concretos.

 

Val de Miñor, a tres días do Dia Mundial do Medio Ambiente,  maio de 2020.

Manifesto da VII ANDAINA pola Protección da Serra do Galiñeiro

25 Out

21 de Outubro de 2018
Sechu López

“Non se sabe o que temos ata que se perde”. A Serra do Galiñeiro sempre estivo aí, dende moito antes de nacer o primeiro galego, pero cada xeración debe esforzarse por protexela, pois acumula un gran valor; non debemos estar inactivos ante ameazas que a poden estragar, como a instalación de modernos muíños de vento ou a apertura de minas a ceo aberto ou por calquera outra explotación agresiva, que ademais suporían novas pistas e máis movementos de terra; entón levaríamos as mans á cabeza ante a tremenda desfeita, pero xa demasiado tarde para reaccionar, o dano sería irreversible.

Dende hai anos a biodiversidade deste importante paraxe montañoso granítico, gran referente paisaxístico paralelo á Ría de Vigo, situado na área de maior densidade de poboación de Galicia, ven soportando a grave e continua ameaza dos seus valores naturais, culturais e sociais, e mesmo económicos sostibles, polo que existe unha continua demanda social que reclama dende hai décadas a súa protección legal para mantelo a salvo de explotacións incompatibles coa conservación deses valores e facilitar un modelo de desenvolvemento sostible das numerosas e variadas actividades posibles (deportivas, recreativas, forestais, gandeiras, culturais, educación ambiental, turísticas…), pedindo a inclusión na Rede Natura 2000 e a declaración de Parque Natural.


Os veciños da Serra, habitantes de Vigo, Gondomar, O Porriño, Mos e Tui, poden gozar facilmente da súa singularidade e simbolismo, polo que son eles os máis interesados na súa protección e desenvolvemento, pero calquera persoa que a coñeza, sexa veciño ou non, estará de acordo en que os seus valores merecen ser preservados.

Seguir lendo

A Plataforma ofrece asesoramento ás CCMM para a restauración do monte

2 Nov

Dende a Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro queremos ofertar ás comunidades de montes situadas neste enclave natural e que sufriran os lumes de comezos do mes de outubro a posibilidade de seren asesoradas gratuitamente por un equipo de biólogos e persoal técnico con formación en restauración de ecosistemas de cara a pór en marcha as medidas de restauración convintes nos terreos que foran afectados polo lume.

Que facer logo dos incendios?

Grazas a todas e todos pola vosa solidariedade !!!

2 Nov

Despois de termos asimilado o acontecido, e calmados todos os sentimentos que abrollaron ante tamaña desfeita a tódolos niveis, sabemos que nos temos que dirixir ás persoas, que nestas datas foron quen de estar ahí, ao pé do Galiñeiro, preocupadas polo seu futuro e artellando xeitos de axudar na súa recuperación.

Tedes que ter en conta, que para moitos de nós, o Gali é como unha parte máis do noso corpo, a paisaxe que vemos e sentimos máis próxima, que mantén o aire que respiramos, a terra na que plantamos, a rocha na que cimentamos as nosas casas, e que nos regala a auga coa que circulamos tódolos seres vivos que nos mantemos grazas a el.

Os periodos de dor son estranos, e dependen de moitísimos factores, culturais, familiares, relixiosos…, pero moitas de nós, só podemos sentir unha fondísima tristura, a pesares de que estamos seguras de que “a nosa terriña é moi boa, e que todo volverá rebrotar”. Moitas das persoas que formamos a Plataforma Pola Defensa da Serra do Galiñeiro aínda non nos atrevemos a levantar os ollos cada vez que saimos da casa, para non percibir cos ollos, o co naris, é unha peste a queimado que dá arcadas.

Por outra banda, somos conscientes que temos que pomos coa cabeza a pensar en que facer, e como seguir adiante co proxecto de Parque Natural, ante tanta devastación. Podemos falar de moitos culpables, podemos pensar que unha vez máis, o lume chegou, e como non, volverá a pasar, como algo que xa temos asumido, porque o levamos vivindo así dende sempre. Todas as persoas que andamos no monte, somos moi conscientes de que hai UN culpable, UN, que estraga solos e humedais, que inza a nosa terra de follas, caracolas e paus, que non xeneran máis que broza, que nin para estrume serve, pero si que arde moi ben, e por enriba, revive co lume e espállase por onde quixer. Non lle vou dar a categoría de algo, por iso non o nomeo, non quero polo ao mesmo nivel que as ovellas, as cabras, as vespas, as abellas, as eguas, as raposas, e todas aquelas criaturas que nos quitou. Por non ter, non ten nin un verde que dea vida, é un verde agoniado.

A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro está composta por colectivos moi diversos e especializados, en temas moi diferentes no entorno natural e cultural da Serra. Por eso, nos gostaría que se contara con nós á hora de facer calquera actuación no monte, co ánimo de asesorar para preservar aquelo que sabemos que o mantén, como unha serra moi especial.

Por outra banda, sabemos que o voluntariado ten toda a vontade de axudar, pero as repoboacións, si é que se decide facelas, as talas e outras actuacións, deberían ser o máis selectas e coidadosas posibles, porque desta volta, o que aconteceu é moi grave e de grandes dimensións, e podemos estragar o monte para sempre.

Para preservar o Galiñeiro hai que querelo e respetalo, deixalo recuperarse en paz e loitar pola súa conservación, na medida das nosas posibilidades. Non esquencernos de que sobre el, están proxectadas outras desfeitas tan perigosas como o lume ou os monocultivos, por iso recordamos, que calquera época é boa para achegarnos ao Galiñeiro e dende calquera lugar, imos ter que activar as nosas forzas, na súa conservación.

Plataforma Pola Conservación da Serra do Galiñeiro.

LUMES NUNCA MÁIS !!! Domingo 22 de outubro ás 12:00h na alameda de Compostela

21 Out

Outra vez.

O monte e o caos. Un caos que medra ano tras ano. Fomentado por malnacidos. Permitido por irresponsables. Contemplado con impotencia por quen non o fomenta, nin o permite, pero non pode combatilo. Non a esta escala.

É cuestión de tempo. E de seca. E de temperatura, e de vento. E chega o lume. Tráeno os malnacidos, sós ou organizados. Tráeno, ás veces, irresponsables descoidados. Tráeo, ás veces, a propia natureza. E o vento fai o resto.

Caos, vento e lume. Lume que traba no monte como un can danado.

E loita. Unha loita contra o lume e contra o espanto. Unha loita desigual, desesperada, impotente.

E destrución. E mortos. E desolación. E rabia.

Fartos.

Fartos de estar fartos. Fartos de sempre o mesmo. Fartos do egoísmo destrutivo dos que se benefician do caos. Fartos do desleixo e da connivencia hipócrita das mal chamadas autoridades. Fartos da desgracia recorrente, de estar apuntando remedios ano tras ano e de que, ano tras ano, todo empeore.

Tocounos, outra vez, a todos. Pero esta vez tocounos, concretamente, a nós. A serra do Galiñeiro ardeu. Era cuestión de tempo. De que se deran as condicións idóneas para o desastre. E déronse o domingo pasado. Máis de 35.000 ha. arrasadas nun só día. E, con elas, o Galiñeiro. Catro persoas mortas. E puideron ser moitísimas máis.

Psaron once anos desde o desastre do 2006, e catro anos dende o desastre de Oia, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui. E a situación non mellorou en nada. Empeorou.

Feijoo fala de “terrorismo ambiental”. En canto aos incendiarios, ten razón, son terroristas. Pero tamén son terroristas os que promoven os actos incendiarios e os incendios accidentais por acción ou por omision.

Acaso non é terrorismo ambiental:

  • Que o goberno do estado, estando en funcións, amplíe a concesión a ENCE por 60 anos máis, dando continuidade e intensificando a promoción e subvención do cultivo de eucaliptos, disuadindo a recuperación das especies arbóreas autóctonas e convertendo o monte nun polvorín?
  • Que o goberno galego privatice o servizo aéreo contra incendios, transformando un servizo público que ten a finalidade de combatir os incendios forestais nunha trama privada que vive precisamente deles, ata o punto de que tal trama está a ser investigada pola Audiencia Nacional e que trascende incluso o territorio estatal para facerse internacional?
  • Que o goberno galego aprobe a modificación da lei de montes para recalificar terreos queimados e así poder desenvolver neles plans e proxectos que sexan declarados de interese público, declaración que se outorga espúria e discrecionalmente pola propia Xunta?
  • Que o goberno galego aprobe a lei de fomento empresarial (merecidamente coñecida como Lei de Depredación de Galiza) lei que permitirá a tramitación urxente de permisos industriais e empresariais incluso en terreos arrasados, que o faga cos únicos votos do PP, e que o faga dous días despois destes devastadores incendios, con Galiza ainda ardendo?
  • Que o goberno galego vire a faciana ante a realidade e os efectos do cambio climático na Galiza?

Terror é o que pasamos as galegas e galegos o pasado domingo, cando lapas de 25 e 30 metros rodeaban a nosa xente, as nosas hortas, o noso lar, as nosas casas, a nosa terra. Galicia estaba espantada, e choraba de dor, e de raiba.

Terrorista é o que prende o lume, pero tamén o que converte o monte nun polvorín, e así o mantén, ano tras ano, década tras década.

Volver a falar das causas dos lumes, do que hai e do que non hai que facer antes, durante e despois dos incendios, do desleixo do monte, das árbores pirófitas e das autóctonas, de cando e como limpar o monte, de cando e como retirar a madeira queimada, de como protexer e rexenerar o solo queimado, de como iniciar a revexetación… todo isto é, segue sendo, necesario.

Pero os gobernos galego e o estatal converten este debate, que se ven repetindo dende hai anos, sobre todo dende o ano 2006, nunha cantarela inútil, porque non só non fan caso, senón que toman medidas a contrario sensu, que non fan máis que avivar o lume.

Por iso debemos acudir o vindeiro domingo 22 á manifestación que se celebrará as 12:00h en Santiago de Compostela.

Fartos xa de estar fartos,

LUMES NUNCA MÁIS !!!

E memoria. Non perdamos a memoria de quen é quen devasta o país.

Seguir lendo

A DÚAS VELAS

21 Mar

O drama enerxético na Galiza