LUMES NUNCA MÁIS !!! Domingo 22 de outubro ás 12:00h na alameda de Compostela

21 Out

Outra vez.

O monte e o caos. Un caos que medra ano tras ano. Fomentado por malnacidos. Permitido por irresponsables. Contemplado con impotencia por quen non o fomenta, nin o permite, pero non pode combatilo. Non a esta escala.

É cuestión de tempo. E de seca. E de temperatura, e de vento. E chega o lume. Tráeno os malnacidos, sós ou organizados. Tráeno, ás veces, irresponsables descoidados. Tráeo, ás veces, a propia natureza. E o vento fai o resto.

Caos, vento e lume. Lume que traba no monte como un can danado.

E loita. Unha loita contra o lume e contra o espanto. Unha loita desigual, desesperada, impotente.

E destrución. E mortos. E desolación. E rabia.

Fartos.

Fartos de estar fartos. Fartos de sempre o mesmo. Fartos do egoísmo destrutivo dos que se benefician do caos. Fartos do desleixo e da connivencia hipócrita das mal chamadas autoridades. Fartos da desgracia recorrente, de estar apuntando remedios ano tras ano e de que, ano tras ano, todo empeore.

Tocounos, outra vez, a todos. Pero esta vez tocounos, concretamente, a nós. A serra do Galiñeiro ardeu. Era cuestión de tempo. De que se deran as condicións idóneas para o desastre. E déronse o domingo pasado. Máis de 35.000 ha. arrasadas nun só día. E, con elas, o Galiñeiro. Catro persoas mortas. E puideron ser moitísimas máis.

Psaron once anos desde o desastre do 2006, e catro anos dende o desastre de Oia, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui. E a situación non mellorou en nada. Empeorou.

Feijoo fala de “terrorismo ambiental”. En canto aos incendiarios, ten razón, son terroristas. Pero tamén son terroristas os que promoven os actos incendiarios e os incendios accidentais por acción ou por omision.

Acaso non é terrorismo ambiental:

  • Que o goberno do estado, estando en funcións, amplíe a concesión a ENCE por 60 anos máis, dando continuidade e intensificando a promoción e subvención do cultivo de eucaliptos, disuadindo a recuperación das especies arbóreas autóctonas e convertendo o monte nun polvorín?
  • Que o goberno galego privatice o servizo aéreo contra incendios, transformando un servizo público que ten a finalidade de combatir os incendios forestais nunha trama privada que vive precisamente deles, ata o punto de que tal trama está a ser investigada pola Audiencia Nacional e que trascende incluso o territorio estatal para facerse internacional?
  • Que o goberno galego aprobe a modificación da lei de montes para recalificar terreos queimados e así poder desenvolver neles plans e proxectos que sexan declarados de interese público, declaración que se outorga espúria e discrecionalmente pola propia Xunta?
  • Que o goberno galego aprobe a lei de fomento empresarial (merecidamente coñecida como Lei de Depredación de Galiza) lei que permitirá a tramitación urxente de permisos industriais e empresariais incluso en terreos arrasados, que o faga cos únicos votos do PP, e que o faga dous días despois destes devastadores incendios, con Galiza ainda ardendo?
  • Que o goberno galego vire a faciana ante a realidade e os efectos do cambio climático na Galiza?

Terror é o que pasamos as galegas e galegos o pasado domingo, cando lapas de 25 e 30 metros rodeaban a nosa xente, as nosas hortas, o noso lar, as nosas casas, a nosa terra. Galicia estaba espantada, e choraba de dor, e de raiba.

Terrorista é o que prende o lume, pero tamén o que converte o monte nun polvorín, e así o mantén, ano tras ano, década tras década.

Volver a falar das causas dos lumes, do que hai e do que non hai que facer antes, durante e despois dos incendios, do desleixo do monte, das árbores pirófitas e das autóctonas, de cando e como limpar o monte, de cando e como retirar a madeira queimada, de como protexer e rexenerar o solo queimado, de como iniciar a revexetación… todo isto é, segue sendo, necesario.

Pero os gobernos galego e o estatal converten este debate, que se ven repetindo dende hai anos, sobre todo dende o ano 2006, nunha cantarela inútil, porque non só non fan caso, senón que toman medidas a contrario sensu, que non fan máis que avivar o lume.

Por iso debemos acudir o vindeiro domingo 22 á manifestación que se celebrará as 12:00h en Santiago de Compostela.

Fartos xa de estar fartos,

LUMES NUNCA MÁIS !!!

E memoria. Non perdamos a memoria de quen é quen devasta o país.

A sociedade Galega de Historia Natural diante da proliferación de receitas para axudar a paliar a lamentable situación na que quedan os montes despois desta vaga de incendios, manifesta o seguinte:

  • Desaconsellamos fortemente o emprego indiscriminado de sementes para cubrir as zonas queimadas.
  • É difícil, cando non imposible, atopar sementes autóctonas garantidas tanto na súa orixe (do mesmo lugar de onde se vai sementar) como que se correspondan realmente a especies autóctonas.
  • Na meirande parte dos casos non se sabe realmente o que se vai botar e os posibles efectos perniciosos que no futuro poidan ter: especies vexetais exóticas invasoras.
  • En moitos sitios non se debería pisar tralos incendios, pois acelera o proceso de erosión coas choivas e a compactación do solo.
  • Desaconsellamos enerxicamente o emprego de especies pratenses (as usadas para os campos de herba, pradarías artificiais, etc) pois son en moitos casos especies alóctonas, algunhas delas de carácter invasor (que logo reducirán a posibilidade de asentarse as especies autóctonas).
  • O emprego inaxeitado de sementes é unha preocupación grave en EEUU. En moitos estados esíxese que as sementes estean certificadas conforme están libres de especies alóctonas e invasoras.
  • Un mal menor sería empregar cereais, pero deberían ser estériles para que unha vez completado o seu proceso non deixaran pegada.
  • Unha boa intención non ten por qué dar bos resultados.

Consellos de ADEGA sobre qué facer despois do LUME:

DESPOIS DO LUME….QUE FACER?

O QUE FACER E O QUE NON NOS TERREOS QUEIMADOS: CONSELLOS PARA NON ESTRAGAR MÁIS O AMBIENTE

Despois dos lumes os problemas e riscos ambientais non rematan. Alén da perda de biomasa vexetal e de biodiversidade en xeral, prodúcese tamén un empobrecemento do solo e, coas chuvias, o lavado do horizonte superficial arrastrando grandes cantidades de sedimentos e materia orgánica. Esta erosión e a diminución da materia orgánica no solo, unidas á brusca inxección de materiais nas canles fluviais e nas rías, son causa de graves impactos mesmo en áreas alonxadas das zonas queimadas.
É moi importante ter en conta que os labores de restauración hidrolóxico-forestal deben ser desenvovidos por persoal especializado e seguindo uns estritos protocolos de actuación para evitar causar máis danos, como a compactación por pisoteo, a erosión inducida nas ladeiras, a introdución de especies invasoras ou non procedentes… As intervencións deben tamén axustarse ás características particulares de cada territorio, en particular nos espazos protexidos, nos que deben respostar ás necesidades concretas de conservación establecidas nos correspondentes planos.

 

ACCIÓNS POSITIVAS (coordenadas con admistracións, comunidades de montes…)

  • Minimizar o uso de maquinaria pesada.
  • Non talar os esqueletes do mato e cortar só as árbores de certo tamaño para evitar danos ao solo.
  • Deixar os restos forestais sobre o solo en sentido perpendicular á pendente, para frear a escorrentía.
  • Repartir palla ou virutas (mulching) en zonas sensibles, en zonas con forte pendente, en zonas próximas a cursos de auga,…
  • Realizar faixas de sementeiras alternando coas anteriores e sempre seguindo as curvas de nível.
  • Poñer filtros vexetais (restos de podas, broza,…) preto das canles dos ríos, para frear os arrastres do solo e evitar a contaminación das augas

 

PROCURAREMOS EVITAR:

  • Pisotear as zonas queimadas, xa que se aceleraría a erosión.
  • Cortar árbores e romper polas, porque supoñen unha protección contra a erosión.
  • Realizar sacas de madeira de modo agresivo para o solo.
  • Laborear e roturar o solo. Utilizar maquinaria pesada ou agresiva no chan.
  • Asustar ou danar á fauna.
  • Pastorear demasiado pronto, para evitar os efectos do gando sobre o solo e sobre a vexetación.Ante calquera dúbida, pódese preguntar ao axente forestal ou á Consellaría do Medio Rural sobre a normativa vixente en materia de usos dun espazo forestal incendiado.

Cando nestas accións participe o voluntariado é importante fornecerlles de material axeitado, seguro de accidentes, contar cos permisos pertinentes, incluidos os dos titulares das terras e sempre baixo a supervisión de profesionais. Desaconsellamos realizar accións por propia iniciativa e de xeito descoordenado, que poden derramar as boas intencións e causar máis dano ao ambiente e mesmo riscos para as persoas, evitando tamén frustracións.
As organizacións ecoloxistas realizamos intervencións de voluntariado organizado todo o ano en ríos, rías, bosques, humidais e non só como consecuancia dos lumes. Contacta con nós para coñecer de que xeito podes colaborar e moitas grazas polo teu compromiso solidario!

NOTA: texto elaborado con información do “Manual de rexeneración de montes incendiados” de Amigos da Terra, o “Manual sinxelo de reforestación por sementeira” da UVigo; o “Manual de prevención e defensa contra os incendios forestais” da Xunta de Galiza; e os protocolos de intervención en montes queimados do Voluntariado en Defensa do Monte Galego 2006-2009, así como materiais e elaboracións propias.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: