Arquivo | Outubro, 2017

LUMES NUNCA MÁIS !!! Domingo 22 de outubro ás 12:00h na alameda de Compostela

21 Out

Outra vez.

O monte e o caos. Un caos que medra ano tras ano. Fomentado por malnacidos. Permitido por irresponsables. Contemplado con impotencia por quen non o fomenta, nin o permite, pero non pode combatilo. Non a esta escala.

É cuestión de tempo. E de seca. E de temperatura, e de vento. E chega o lume. Tráeno os malnacidos, sós ou organizados. Tráeno, ás veces, irresponsables descoidados. Tráeo, ás veces, a propia natureza. E o vento fai o resto.

Caos, vento e lume. Lume que traba no monte como un can danado.

E loita. Unha loita contra o lume e contra o espanto. Unha loita desigual, desesperada, impotente.

E destrución. E mortos. E desolación. E rabia.

Fartos.

Fartos de estar fartos. Fartos de sempre o mesmo. Fartos do egoísmo destrutivo dos que se benefician do caos. Fartos do desleixo e da connivencia hipócrita das mal chamadas autoridades. Fartos da desgracia recorrente, de estar apuntando remedios ano tras ano e de que, ano tras ano, todo empeore.

Tocounos, outra vez, a todos. Pero esta vez tocounos, concretamente, a nós. A serra do Galiñeiro ardeu. Era cuestión de tempo. De que se deran as condicións idóneas para o desastre. E déronse o domingo pasado. Máis de 35.000 ha. arrasadas nun só día. E, con elas, o Galiñeiro. Catro persoas mortas. E puideron ser moitísimas máis.

Psaron once anos desde o desastre do 2006, e catro anos dende o desastre de Oia, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui. E a situación non mellorou en nada. Empeorou.

Feijoo fala de “terrorismo ambiental”. En canto aos incendiarios, ten razón, son terroristas. Pero tamén son terroristas os que promoven os actos incendiarios e os incendios accidentais por acción ou por omision.

Acaso non é terrorismo ambiental:

  • Que o goberno do estado, estando en funcións, amplíe a concesión a ENCE por 60 anos máis, dando continuidade e intensificando a promoción e subvención do cultivo de eucaliptos, disuadindo a recuperación das especies arbóreas autóctonas e convertendo o monte nun polvorín?
  • Que o goberno galego privatice o servizo aéreo contra incendios, transformando un servizo público que ten a finalidade de combatir os incendios forestais nunha trama privada que vive precisamente deles, ata o punto de que tal trama está a ser investigada pola Audiencia Nacional e que trascende incluso o territorio estatal para facerse internacional?
  • Que o goberno galego aprobe a modificación da lei de montes para recalificar terreos queimados e así poder desenvolver neles plans e proxectos que sexan declarados de interese público, declaración que se outorga espúria e discrecionalmente pola propia Xunta?
  • Que o goberno galego aprobe a lei de fomento empresarial (merecidamente coñecida como Lei de Depredación de Galiza) lei que permitirá a tramitación urxente de permisos industriais e empresariais incluso en terreos arrasados, que o faga cos únicos votos do PP, e que o faga dous días despois destes devastadores incendios, con Galiza ainda ardendo?
  • Que o goberno galego vire a faciana ante a realidade e os efectos do cambio climático na Galiza?

Terror é o que pasamos as galegas e galegos o pasado domingo, cando lapas de 25 e 30 metros rodeaban a nosa xente, as nosas hortas, o noso lar, as nosas casas, a nosa terra. Galicia estaba espantada, e choraba de dor, e de raiba.

Terrorista é o que prende o lume, pero tamén o que converte o monte nun polvorín, e así o mantén, ano tras ano, década tras década.

Volver a falar das causas dos lumes, do que hai e do que non hai que facer antes, durante e despois dos incendios, do desleixo do monte, das árbores pirófitas e das autóctonas, de cando e como limpar o monte, de cando e como retirar a madeira queimada, de como protexer e rexenerar o solo queimado, de como iniciar a revexetación… todo isto é, segue sendo, necesario.

Pero os gobernos galego e o estatal converten este debate, que se ven repetindo dende hai anos, sobre todo dende o ano 2006, nunha cantarela inútil, porque non só non fan caso, senón que toman medidas a contrario sensu, que non fan máis que avivar o lume.

Por iso debemos acudir o vindeiro domingo 22 á manifestación que se celebrará as 12:00h en Santiago de Compostela.

Fartos xa de estar fartos,

LUMES NUNCA MÁIS !!!

E memoria. Non perdamos a memoria de quen é quen devasta o país.

Seguir lendo