Arquivo | Marzo, 2012

Europa admite a trámite a causa do Galiñeiro

22 Mar

Ante a actuación da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de deixar fóra da Proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia, unha vez máis, a Serra do Galiñeiro, A Plataforma pola protección desta Serra acaba de presentar alegacións a este documento.

Cómpre sinalar que a serra do Galiñeiro se encadra dentro do grupo das denominadas Serras Litorais e que este grupo de sistemas montañosos está a sofrer de maneira particular o abandono da Administración, pois á excepción do monte Pindo e de certas áreas moi reducidas da serra da Groba, estas serras continuarán fóra da rede ecolóxica Natura 2000.

O Parque Natural do Monte Aloia non experimenta ningún incremento na súa superficie con esta proposta de ampliación da rede Natura 2000 de Galicia, e como consecuencia disto, a práctica totalidade da serra do Galiñeiro continúa excluída da citada rede.

Os hábitats naturais e as especies que deberían motivar a declaración dun espazo natural como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) están escasamente representados no interior do Parque Natural do Monte Aloia, de feito, a práctica totalidade do parque está ocupada por repoboacións de especies exóticas, que non teñen a consideración de hábitats de interese comunitario. Este Parque Natural presenta outro tipo de valores naturais, como son o seu atractivo paisaxístico, a singularidade do seu temperán proceso de reforestación, ou un progresivo aumento da súa calidade ambiental, derivado da súa xestión como espazo protexido, pero contrariamente ao que sucede no monte Aloia, as cotas altas da serra do Galiñeiro si están ocupadas maioritariamente por hábitats de interese comunitario.

A Plataforma considera que coa delimitación da superficie do novo LIC non só se preservarían os hábitats, a fauna e flora de especial interese no Galiñeiro, senón que os valores ambientais deste Parque Natural se verían aumentados e protexidos por unha área de amortecemento fronte aos impactos que a serra sofre a cotío dende hai décadas.

A natureza predominantemente pétrea que caracteriza os relevos dominantes da serra do Galiñeiro ten a súa correspondencia vexetal nun amplo abano de comunidades florísticas onde se entrecruzan as influencias bioclimáticas atlántica e mediterránea. Nesta serra existe un elevado número de endemismos ibéricos, moitos deles ligados precisamente a ambientes áridos, ou que buscan a protección que lles procuran os abrigos rochosos. Tamén nos humedais da serra, como regatos e turbeiras, ou nas fragas caducifolias encontramos especies endémicas. As  turbeiras de fondo de val e de ladeira, que son hábitats de interese comunitario, teñen representación por exemplo no Monte das Moutas en Prado, Gondomar.

Con esta actuación da Xunta queda desprotexida unha importante poboación dunha especie florística e ata de unha ducia de especies faunísticas, algunhas delas catalogadas como endemismos galego-portugueses, e moitas delas catalogadas como endemismos ibéricos; indo así contra a lexislación Comunitaria Europea.

Así mesmo coa exclusión da serra do Galiñeiro da rede Natura queda tamén desprotexida unha importante poboación de cabalos en réxime de liberdade, o cabalo autóctono que recibe a denominación oficial de “Cabalo de Pura Raza Galega” e está incluído no “Grupo de Razas Autóctonas en Perigo de Extinción”. A poboación de cabalos en réxime de liberdade que habita na serra do Galiñeiro forma, conxuntamente cos cabalos da serra da Groba, unha das máis importantes poboacións galegas de cabalo de monte, e as dúas poboacións  unidas a través dun corredor montañoso, exercen o papel de especie clave no mantenemento dos hábitats naturais da serra e da súa biodiversidade.

Pero non son só os valores ambientais os que hai que ter en conta á hora de determinar a proteción deste territorio, senón que os valores arqueolóxicos son elevados aquí, e nalgúns casos ligados aos propios elementos xeomorfolóxicos. Tal é o caso de moitas covas graníticas nas parroquias de Vincios e Morgadáns, e especialmente na recentemente estudada a nivel internacional como é a dos Milagres da Trapa, xa no concello de Tui.

Nós pedimos que a delimitación da superficie do novo LIC se realice seguindo exclusivamente criterios científicos e ambientais, de maneira que se axuste á distribución real dos hábitats e das especies. Pois é que Galica pasa do 11% do territorio protexido actualmente a un 15,2 %, superficie esta que segue a ser insuficiente ante as prerrogativas europeas que determinan maior protección para unha terra tan diversa como é a nosa, e tendo en conta que o estado español, sendo tan variado en hábitats e especies, non pasa de ter só o 25 % do territorio protexido.

As nosas alegacións están amparadas por Europa, pois Á DENUNCIA QUE FIXEMOS O 5 DE OUTUBRO DO ANO PASADO ANTE O PARLAMENTO  EUROPEO DEU OS SEUS FROITOS. Naquela entón solicitabamos á cámara europea que a Serra do Galiñeiro se incluíse na R.N. 2000, e a denuncia,  foi admitida a trámite. Iso significa que a nosa demanda ten sentido e afortunadamente o procedemento segue adiante.

Ante o panorama de abandono do medio natural por parte das autoridades galegas esta Plataforma segue a reivindicar a súa protección, e así  o  domingo 13 de maio realizarase a III ANDAINA POLA PROTECCIÓN DA SERRA DO GALIÑEIRO. Nesta edición  está proxectado un percorrido circular pola zona norte, quizás a menos coñecida. Dende a Plataforma animamos á veciñanza e cidadáns a participar neste roteiro reivindicativo en defensa do Galiñeiro.

Mesa redonda sobre a enerxía eólica: Conclusións.

6 Mar

O pasado sábado 25 de febreiro A Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro celebrou unha mesa redonda sobre a enerxía eólica no Auditorio Municipal de Vigo.

Emilio Menéndez, enxeñeiro que desenvolveu parte da súa carreira no desenvolvemento da enerxía eólica, e na actualidade profesor honorario da Universidade Autónoma e Politécnica de Madrid, especialista en desenvolvemento sustentable, abriu a sesión coa seguinte afirmación: “Na implantación de infraestructuras deste tipo é necesario o consenso da poboación”

Damián Copena, profesor da universidade de Vigo e Investigador en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, fixo unha exposición sobre a expansión dos polígonos eólicos en Galicia a partir de 1995 e a súa repercusión no mundo rural galego. Trala realización dun amplo estudo afirma que de media, os propietarios dos terreos reciben tan só un 1% do total da facturación.

Xosé Beiras, da asociación ecoloxista Verdegaia, falou da repercusión negativa da enerxía eólica no medio natural debido á falta dun Plan Eólico Galego, e denunciou a falla de sensibilidade da Administración para tentar reducir os efectos negativos destas instalacións.

Mariano Tomás, activista do movemento “Contra parques eólicos de Valencia” amosou a súa positiva experiencia de loita o longo dos últimos oito anos.

Iván Novoa, técnico instalador de enerxías renovables explicounos a experiencia do centro de educación ambiental “As Corcerizas”, en Ourense, e os usos complementarios dos recursos enerxéticos que supoñen os eólicos de pequena potencia.

Ao final os asistentes, preto dun cento de persoas, manifestaron a súa preocupación polo sinsentido que supón a instalación dun polígono eólico na Serra do Galiñeiro, tal como o demostrou a mesa redonda de máis de unha hora de duración, que seguiu ás cinco intervencións dos relatores.

A serra do Galiñeiro está comprometida como polígono eólico dende o ano 2009 no que foi adxudicada á empresa Terra do Vento S.L, que ten o seu domicilio en Ourense, pero que é propiedade de Element Power España S.L. pertencente á multinacional Element Power, cuxo único propietario é “Hudson Clean Energy Partnes”, empresa de New Jersey, que ten un socio maioritario que é o Credit Suisse.

Ao contrario de paises como Dinamarca onde a enerxía eólica é explotada comunitariamente, en España fíxose da enerxía eólica un negocio para grandes empresas multinacionais. Ata o punto de que ao cabo de dez anos a instalación está amortizada e os beneficios son na proporción de 12 de ingresos fronte a 2 de gastos.

En contados casos se da unha explotación da enerxía eólica de maneira local, por institucións públicas, pequenos propietarios ou entidades locais. Sería o que se chama Parques Eólicos Singulares. A regulamentación dos decretos eólicos, especialmente do de marzo do 2010, faino practicamente imposible, e a eliminación das primas pode facer que no futuro o sector eólico se concentre aínda máis nas mans das grandes empresas.

Os propietarios dos terreos atópanse desprotexidos fronte as empresas e pode chegarse mesmo á expropiación aínda que estes queiran negociar o contrato. En moitos casos os dereitos sobre os terreos son a perpetuidade. As previsións en emprego e postos de traballo das empresas eólicas non se cumpren na maioría dos casos.

Galicia exporta a terceira parte da enerxía que produce e pola contra ten só o 11% do seu territorio protexido ambientalmente, cando as Directrices europeas esixen un 25 %. Na ampliación da REDE NATURA que se está levando a cabo nestes momento, e que só pretende chegar a un 16 %, evítanse todas as zonas con potencial eólico aínda que teñan valores ambientais de grande importancia.

Os estudos de impacto ambiental non pasan de ser un trámite administrativo que en rarísimas ocasións supuxo a non implantación dunha instalación eólica. Como exemplo decir que no Xistral se instalaron 30 polígonos eólicos en Lugares de Interese Comunitario (LIC), onde as turbeiras de alto valor ambiental foron destruídas, o que implica a expulsión á atmosfera de cantidades considerables de CO2 no proceso de degradación da turba, xusto o contrario do que se argumenta para instalar as infraestruturas eólicas.

A solución á crise enerxética non é esta, senón consumir menos enerxía, porque só é limpa a enerxía que non se consome. E de tódolos xeitos as necesidades enerxéticas deberan cubrirse cunha produción distribuida máis o próximo posible aos lugares de consumo. O transporte da enerxía crea un impacto ambiental forte pola degradación da zona por onde pasan as liñas, e pola gran perda de enerxía no propio transporte. A conclusión é clara: As Administracións galega e española ubican os eólicos non nos lugares con máis vento ou con menos risco ambiental, senon nos lugares con menos oposición social.

A Serra do Galiñeiro aparece nos mapas do I.D.A.E. como zona non apta de vento, é a prolongación natural e xeográfica do Parque Natural do Monte Aloia, é a unidade de paisaxe de máis valor do sur da provincia de Pontevedra. Dada a súa orografía tan abrupta as pistas de acceso necesarias para a instalación dos aeroxeradores e a instalación das bases dos mesmos suporían a destrución das súas ladeiras. Os valores ecolóxicos, arqueolóxicos e etnográficos do Galiñeiro, son sen dúbida, merecedores de protección, pois é un corredoro ecolóxico necesario entre o Baixo Miño, a ría de Vigo e o Parque Nacional das Illas Atlánticas… Pois ben, ningún destes argumentos ten en conta a Administración do país, e pola contra hipotecan o futuro do territorio en mans de empresas multinacionais. A isto só se lle pode chamar expolio do territorio.