Arquivo | Noticias RSS feed for this section

Presentamos alegación ao PRUX do parque natural do monte Aloia

9 Xan

A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro ven de alegar ao Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do parque natural do monte Aloia sometido a información pública dende o pasado novembro ata o día 3 deste mes.

A alegación que a continuación expoñemos foi para pedir que o citado parque natural sexa ampliado ata abarcar a totalidade da serra de Galiñeiro, dado que eses son os límites fisiográficos da citada serra, e porque os valores de Galiñeiro son quen de merecer tal figura de protección. Hai que ter en conta que nesta parte norte da serra os elementos xeolóxicos e paisaxísticos, os hábitats, os valores botánicos e faunísticos, os elementos etnográficos e arqueolóxicos e o potencial científico, educativo e de esparcimento social son nalgúns casos superiores aos do propio monte Aloia.

Dende o ano 2010 esta plataforma loita pola protección da serra de Galiñeiro, denunciando diferentes atropelos aos que se ve sometida, nomeadamente o proxecto de parque eólico e a explotación mineira de Terras Raras. Dende entón, esta plataforma ten posto de manifesto os valores naturais, patrimoniais e sociais da serra, e así mesmo os distintos colectivos e persoas que a compoñen teñen debatido sobre a figura de protección máis acaída para este espazo natural chegando á conclusión de que a figura de parque natural é a adecuada, sen desbotar outras que tamén puidesen darlle a este territorio unha protección máis local dende os distintos concellos que a forman ou dende as comunidades parroquiais que teñen territorio nela.

MOTIVOS POLOS QUE SE SOLICITA A AMPLIACIÓN DO PARQUE NATURAL MONTE ALOIA

Seguir lendo

Domingo 11 de maio: V Andaina pola protección da serra do Galiñeiro

16 Abr

O vindeiro domingo 11 de maio, terá lugar a V andaina pola protección da serra do Galiñeiro para reivindicar a protección da serra baixo a figura de Parque Natural

Saida: Ermida das Neves, Erville as 10:30 h.

Chegada: Ermida das Neves, Erville as 14:00 h.

 

V Andaina pola protección da serra do Galiñeiro

V-Andaina-1000

Iniciaremos o noso percorrido no Coto de Erville, promontorio natural que servíu como asentamento castrexo na Idade do Ferro, e onde posteriormente sería edificada a capela de Nosa Sª das Neves. O primeiro tramo discurrirá pola ladeira norte do Coto do Mediodía, monumental reloxio solar natural, utilizado durante moitos anos con este fin polos veciños de Zamáns.

Bordearemos despois a área de nacemento do río Zamáns, tapizada por unha das formacións vexetais máis valiosas da serra: a carrasqueira húmida atlántica. Remontaremos entón a ladeira última da nosa ascensión, a costa de pendente máis acusada. O noso esforzo verase recompensado en canto academos a Boca do Lobo, portela natural no cumieiro da serra desde a cal poderemos admirar as paisaxes do Val Miñor e a Ría de Vigo. Aos pés da Boca do Lobo derrámase un vasto depósito de rochas fracturadas polos xeos da última glaciación, rodadas e amoreadas ladeira abaixo: as Pedras Esbarrulladas. Percorreremos a continuación un sector dos cumes da serra, a través da enigmática Cova da Becha, As Laxes Molladas, e o vértice xeodésico de A Garita.

As cornixas periglaciares, peñasqueiras e laxiais dos cumes da serra constitúen o hábitat dunha interesante e especializada comunidade vexetal, perfectamente adaptada ás duras condicións ambientais que impón este medio. Destacan polo seu tamaño os fenais de Stipa xigante, altos herbais que medran nas pronunciadas ladeiras de poñente.

Descenderemos a carón de pequenas plantas colonizadoras dos solos esqueléticos, como o aromático tromentelo, e matogueiras de influencia mediterránea ricas en especies, como a carqueixa, o rañalobos e un pequeño toxo de carácter endémico: Ulex micranthus. Os rabaños de cabras que aínda pastan pola serra modelan estas comunidades vexetais desde hai séculos, sendo fundamentais para a conservación deste ecosistema.

Abandonaremos definitivamente as cotas altas da serra, adentrándonos nunha fresca e vizosa regueira da parroquia de Chenlo, nun dos nacementos do río da Fervenza. Sorprenderanos a abundancia e diversidade de árbores autóctonas, como o cerquiño, o carballo, a abeleira, e particularmente o bidueiro, moi común nesta zona. O último tramo do noso percorrido realizarémolo a través de piñeirais de repoboación, onde conviven o piñeiro bravo e o americano piñeiro de Monterrei. Con algo de sorte, escoitaremos o canto inconfundibel do cuco, que retorna todas as primaveras a esta masa forestal.

A V Andaina en defensa da serra do Galiñeiro, que nesta edición reivindicará a protección da serra baixo a figura de Parque Natural, rematará no mesmo lugar onde principiamos a marcha:  O Coto de Erville.

 Preme para baixar o percorrido.

Nós, Galiñeiro

16 Out

Finalmente. entre os activos da Plataforma contamos xa co libro “Nós, Galiñeiro”.

 Como lembraredes trátase dunha manchea de artigos de Méndez Ferrín publicados na prensa (Faro de Vigo, Hoja del Lunes…),que teñen como denominador común o referirse a lendas, tradicións, etimoloxía ou microtoponimia e como non, ¡madía leva!, a problemas desa entidade xeográfica que deu en chamarse “Terra de Turonio”. Problemas algúns, que malfadadamente, siguen sen resolverse.

 Lembrade que a súa venta militante fornecerá as nosas arcas para poder seguir programando actividades na defensa da nosa querida Serra do Galiñeiro. Fagamos, pois, un esforzo para vendelos axiña.

O prezo a través da plataforma é de 12 euros e pode conseguirse chamando a calquera destes teléfonos: 986-360132, 986-369598 ou 639-872750. Tamén podedes utilizar o noso formulario de contacto.

Charla informativa o vindeiro sábado 28 de xaneiro ás 7 da tarde no Centro Cultural de Erville.

27 Xan

A Conxellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comezou a tramitación do Proxecto Sectorial do Polígono Eólico da Serra do Galiñeiro co envio do Documento de Inicio ás Administracións Locais no pasado mes de novembro. 

Así é que o movemento social “Pola Protección da serra do Galiñeiro” segue coas súas actividades a prol desta causa: 

As distintas asociacións que compoñen esta PLATAFORMA declaráronse persoas xurídicas interesadas no procedemento administrativo correspondente para alegar ante o futuro estudo de impacto ambiental que presente a empresa Terra do Vento S. L., e así mesmo fixeron suxestións diante deste Documento.  

Os 39 MW preténdense instalar no Galiñeiro Norte, Campo Redondo, Coto das Forcadas, Galiñeiro Sur, A Paxariña e Coto dos Penidos, isto é nos Concellos de Vigo, Mos, O Porriño e Gondomar.  

Os concellos de Vigo, Gondomar e O Porriño xa se manisfestaron en plenos no seu día en contra destas instalacións na Serra do Galiñeiro. Así mesmo estes concellos e tamén o de Mos pediron en tempo e forma á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que este proxecto sexa sometido á Avaliación de Impacto Ambiental, o que ocorreu antes do 4 de xaneiro. 

Onte, no pleno municipal de Mos, os tres partidos políticos con representación no concello votaron por unanimidade en contra da instalación do polígono eólico na serra do Galiñeiro. 

Esta plataforma leva feito unha ronda de charlas informativas nas distintas parroquías afectadas polo polígono eólico: enZamáns e Chenlo diron as primeiras explicacións dos pormenores da situación na que se atopa o desenvolvemento deste proxecto eólico. Este sábado 28 de xaneiro ás 7 da tarde será en Erville, no seu centro cultural.  

Este barrio da parroquía de Cela no concello de Mos será unha das poboacións máis afectadas pola infraestrutura xa que un dos aeroxeradores estaría a só 570 metros das vivendas e outros a menos de 1 quilómetro. Hai que ter en conta que algúns dos muiños que se instalarían en Zamáns afectarían moito máis aos veciños de Erville debido á que irían colocados máis preto desta poboación que dos veciños de Zamáns. 

Na seguintes semanas a plataforma “Pola Protección da serra do Galiñeiro” extenderá as súas explicacións ás asociacións de veciños de Navia e O Castro xa no concello de Vigo.

NOTA DE PRENSA

24 Dec

NOTA DE PRENSA

 

Galiñeiro
Nace un movemento social “Pola protección da Serra do Galiñeiro”

14 colectivos organizan o día 28 a súa primeira actividade conxunta.

Catorce colectivos de diversa índole veñen de pór en marcha unha campaña conxunta para conseguir a protección da Serra do Galiñeiro e así conservar os seus diversos valores. Asociacións de veciños como a de Vincios ou a do Casco Vello de Vigo, asociacións de montañeiros como Montañeiros Celtas ou a Federación Galega de Montañismo, asociacións ecoloxistas como Adega, A Ría Non se Vende, A Groba, Plataforma pola defensa da ría de Vigo “Cíes”, Salvemos Monteferro, S.O.S. Groba ou Verdegaia, a Comunidade de Montes de Vincios, o Clube de espeleoloxía “O Maúxo” e o Instituto de Estudos Miñoranos están detrás desta iniciativa.

Seguir lendo