Arquivo | Abril, 2023

Milleiros de persoas rodearon onte o edificio da Xunta para esixir o rexeitamento de máis de 75 proxectos macroeólicos especulativos.

24 Abr

●     A Coordinadora Eólica Así Non advirte dos danos irreparábeis e sen precedentes desta vaga eólica no país.

  • Este martes, 25 de abril, é a data límite na que máis de 75 macroproxectos eólicos poderían obter autorización previa administrativa da Xunta.
  • Esixen a paralización de todos os proxectos eólicos en tramitación mentres non haxa unha planificación enerxética ao servizo do pobo, pública, xusta e ecolóxica.

Santiago de Compostela, a 23 de abril de 2022.- Este domingo, 23 de abril, a Coordinadora “Eólica Así Non” volveu mobilizar ao pobo galego en contra da actual depredación macroeólica especulativa, que desta volta, conseguiu rodear cunha cadea humana multitudinaria todo o perímetro das depedencias da Xunta de Galicia, en San Caetano, Santiago de Compostela. A pesar da chuvia, máis de 2000 persoas acudiron á mobilizacón de “Eólica Así Non” para esixirlle á Xunta de Galicia o rexeitamento de máis de

75 proxectos eólicos que xa contan coa declaración de impacto ambiental favorable da Consellaría de Medio Ambiente, e que nos vindeiros dous días poderían acadar a autorización previa administrativa do goberno galego. O vindeiro 25 de abril é a data límite establecida polo Real Decreto-Lei 23/2020 para que 77 parques eólicos tramitados na Xunta obteñan autorización administrativa e manteñan vixente o permiso de conexión á rede. Ao mesmo tempo, os milleiros de manifestantes congregados arredor do edificio administrativo da Xunta instaron ao Executivo galego a paralizar outros máis de 150 proxectos eólicos que, malia á suposta moratoria eólica de Feijóo, manteñen en curso a súa tramitación, coa pretensión de seren autorizados.

Desde a Coordinadora Eóilca Así Non advírtese dos danos irreversíbeis ambientais, patrimoniais, sociais e económicos que esta vaga eólica carrexará para o país se os gobernos galego e estatal non frean tal despropósito e non planifican adecuadamente a implantación de renovábeis. Lembra que todas as máis de 200 entidades e colectivos que

conforman a Coordinadora apoian as enerxías renovábeis para acadar unha transición ecolóxica e socialmente xusta, pero non a calquera prezo. Os máis de 75 macroproxectos eólicos que a Xunta está a punto de autorizar, sen unha adecuada avaliación ambiental e por vías exprés e antidemocráticas, poñen en risco a preservación dos espazos naturais de maior valor ambiental do país e a conectividade ecolóxica, a disposición de recursos básicos para a vida como a auga, destrúen biodiversidade e moitos dos ecosistemas que son imprescindíbeis para afrontar o reto climático, eliminan terras de cultivo de alimentos, destrúen a paisaxe e patrimonio histórico e cultural, prexudican formas de vida tradicionais e sustentábeis, expulsan as persoas do rural e poderían afectar de forma singular á saúde das poboacións máis próximas aos aeroxeradores, alén da depreciación de valor que sufrirán todos os bens e inmobles situados dentro das poligonais eólicas.

“As consecuencias serían dramáticas. A autorización destes proxectos sería unha auténtica catástrofe ambiental e social sen precedentes, na que en especial o medio ambiente e o rural galegos ficarían dilapidados para sempre e en mans de multinacionais destrutoras do territorio. Os galegos e galegas non podemos nin debemos tolerar este asalto ao país, e así llo facemos saber aos que nos gobernan”.

Seguir lendo

Manifesto para a mobilización do 23 de abril

18 Abr

Este martes 25 de abril é a data límite establecida pola normativa vixente para outorgar autorización previa aos proxectos eólicos promovidos en Galiza con declaración de impacto ambiental favorábel. Desde a Coordinadora Eólica Así Non fixemos esta convocatoria a participar nesta nova mobilización en Santiago de Compostela aos galegos e galegas, ás plataformas de veciños e veciñas afectadas e a todo tipo de colectivos e entidades críticas co actual modelo depredador da enerxía eólica. E así, rodeamos hoxe o edificio da Xunta de Galicia aquí en San Caetano, para manifestar a nosa repulsa aos 77 proxectos eólicos con declaración de impacto ambiental positiva, cuxa aprobación podería ser este mesmo martes.

E que buscamos con esta mobilización? Queremos exixir ao executivo galego que denegue as autorizacións das ducias de macroparques eólicos aos que a Consellaría de Medio Ambiente xa outorgou permiso ambiental o pasado mes de xaneiro. Estes 77 parques eólicos teñen de prazo límite ata este 25 de abril para poder acadar autorización previa administrativa por parte da Xunta.

Tamén exiximos a inmediata paralización duns 150 expedientes eólicos que a Xunta de Galiza aínda mantén en tramitación.

Seguir lendo