Este martes 25 de abril é a data límite establecida pola normativa vixente para outorgar autorización previa aos proxectos eólicos promovidos en Galiza con declaración de impacto ambiental favorábel. Desde a Coordinadora Eólica Así Non fixemos esta convocatoria a participar nesta nova mobilización en Santiago de Compostela aos galegos e galegas, ás plataformas de veciños e veciñas afectadas e a todo tipo de colectivos e entidades críticas co actual modelo depredador da enerxía eólica. E así, rodeamos hoxe o edificio da Xunta de Galicia aquí en San Caetano, para manifestar a nosa repulsa aos 77 proxectos eólicos con declaración de impacto ambiental positiva, cuxa aprobación podería ser este mesmo martes.
E que buscamos con esta mobilización? Queremos exixir ao executivo galego que denegue as autorizacións das ducias de macroparques eólicos aos que a Consellaría de Medio Ambiente xa outorgou permiso ambiental o pasado mes de xaneiro. Estes 77 parques eólicos teñen de prazo límite ata este 25 de abril para poder acadar autorización previa administrativa por parte da Xunta.
Tamén exiximos a inmediata paralización duns 150 expedientes eólicos que a Xunta de Galiza aínda mantén en tramitación.
Desde a Coordinadora Eólica Así Non levamos máis de dous anos reclamando unha nova planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo, demandando unha moratoria, pero agora a paralización de todos os proxectos é máis necesaria que nunca.
Cómpre restituír os dereitos de participación pública usurpados polas leis de depredación e simplificación que os gobernos galego e español teñen aprobado por vías exprés e antidemocráticas.
Calquera desenvolvemento racional da enerxía eólica en Galiza debe pasar por preservar con garantías os hábitats e ecosistemas que son prioritarios para afrontarmos o reto climático e polo debido cumprimento do imperativo legal de ampliar a Rede Natura galega con outro modelo de xestión, garantindo a participación dos comuneiros/as onde estean afectados montes veciñais.
As consecuencias que tería para o conxunto do país a aprobación desta enxurrada de máis de 75 macroproxectos eólicos serían dramáticas, constituíndo en si mesma unha auténtica catástrofe ambiental e social sen precedentes, na que en especial o medio ambiente e o rural galegos ficarían dilapidados para sempre e en mans de multinacionais destrutoras do territorio. Os galegos e galegas non podemos nin debemos tolerar este asalto a cara descuberta das grandes multinacionais especuladoras da enerxía, nin gobernos que, para favorecelas, poñen en risco o futuro de todo un país.
Ante a negativa inxustificada do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de dialogar coa Coordinadora “Eólica Así Non” e a proximidade da debacle que suporá o aluvión de autorizacións de proxectos eólicos este 25 de abril, non nos queda máis alternativa que mobilizarnos.
E por iso estamos hoxe aquí. Para loitar con total rotundidade en contra do espolio eólico e enerxético do país, por unha planificación eólica ao servizo do pobo, pola restitución dos dereitos de participación social, polo cumprimento rigoroso das leis ambientais e pola denegación da autorización dos macroproxectos eólicos en tramitación.
A Xunta de Galiza e o Goberno español deben recapacitar para evitar a destrución irreparábel do país, única forma real para camiñar cara unha transición enerxética xusta e sostíbel que respecte a pobo galego e a Galiza.
Eólica si, pero non así!
Deixar unha resposta