O avance do deterioro do medio natural en Galicia ten hoxe un dos máis claros e infamantes exemplos na grave situación que vive a Serra do Galiñeiro, espazo de extraordinario valor que comparten os concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui.
A pesar de que no ano 2008 se anunciaba a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a todo o cordal da Serra do Galiñeiro, aínda hoxe a desprotección dos seus valores naturais, culturais, sociais e económicos continúa sendo total.
Aínda hoxe os demostrados valores xeolóxicos, biolóxicos, paisaxísticos, históricos, arqueolóxicos, etnográficos, etc deste espazo senlleiro no que se recoñecen os habitantes de todos estes concellos continúan estando en perigo diante das agresións producidas polo grave impacto de actividades irresponsables co medio (proliferación de canteiras, vertedoiros e pistas, política forestal de extensión de especies foráneas, destrución do patrimonio arqueolóxico…) e de proxectos que o degradarían irreversiblemente (parque eólico, estradas de circunvalación, industria trituradora…).

O Corno do Demo e tódolos contos e lendas do Galiñeiro non teñen prezo. A gandería ecolóxica de pastoreo, os cabalos do monte e os curros de Vincios e de Morgadáns non teñen prezo. O lecer, os camiños, os subeiros, as pedras, as sombras, as augas, os estudos feitos e os que aínda se han facer, as illas ó lonxe, os poemas e os libros, o que perdemos e atopamos no Galiñeiro, nada de todo iso ten un valor calculable porque ese é un patrimonio común e natural que non se pode comprar nin vender, un patrimonio destas bisbarras, da Terra de Turonio, pero tamén de Galicia e mais da Humanidade.
Cómpre rematar con todo isto. Cómpre que a Xunta de Galicia acometa dunha vez a protección da Serra. Cómpre que se estenda o Parque Natural do Monte Aloia a todo o cordal do Galiñeiro seguindo a lóxica do que é un mesmo ecosistema.
Protexamos o que é noso e é de todos!
Protexamos a terra e mailo monte que nos deron!
Protexamos o medio natural e a cultura!
Protexamos o Galiñeiro!
Seguir lendo →