Domingo 11 de maio: V Andaina pola protección da serra do Galiñeiro

16 Apr

O vindeiro domingo 11 de maio, terá lugar a V andaina pola protección da serra do Galiñeiro para reivindicar a protección da serra baixo a figura de Parque Natural

Saida: Ermida das Neves, Erville as 10:30 h.

Chegada: Ermida das Neves, Erville as 14:00 h.

 

V Andaina pola protección da serra do Galiñeiro

V-Andaina-1000

Iniciaremos o noso percorrido no Coto de Erville, promontorio natural que servíu como asentamento castrexo na Idade do Ferro, e onde posteriormente sería edificada a capela de Nosa Sª das Neves. O primeiro tramo discurrirá pola ladeira norte do Coto do Mediodía, monumental reloxio solar natural, utilizado durante moitos anos con este fin polos veciños de Zamáns.

Bordearemos despois a área de nacemento do río Zamáns, tapizada por unha das formacións vexetais máis valiosas da serra: a carrasqueira húmida atlántica. Remontaremos entón a ladeira última da nosa ascensión, a costa de pendente máis acusada. O noso esforzo verase recompensado en canto academos a Boca do Lobo, portela natural no cumieiro da serra desde a cal poderemos admirar as paisaxes do Val Miñor e a Ría de Vigo. Aos pés da Boca do Lobo derrámase un vasto depósito de rochas fracturadas polos xeos da última glaciación, rodadas e amoreadas ladeira abaixo: as Pedras Esbarrulladas. Percorreremos a continuación un sector dos cumes da serra, a través da enigmática Cova da Becha, As Laxes Molladas, e o vértice xeodésico de A Garita.

As cornixas periglaciares, peñasqueiras e laxiais dos cumes da serra constitúen o hábitat dunha interesante e especializada comunidade vexetal, perfectamente adaptada ás duras condicións ambientais que impón este medio. Destacan polo seu tamaño os fenais de Stipa xigante, altos herbais que medran nas pronunciadas ladeiras de poñente.

Descenderemos a carón de pequenas plantas colonizadoras dos solos esqueléticos, como o aromático tromentelo, e matogueiras de influencia mediterránea ricas en especies, como a carqueixa, o rañalobos e un pequeño toxo de carácter endémico: Ulex micranthus. Os rabaños de cabras que aínda pastan pola serra modelan estas comunidades vexetais desde hai séculos, sendo fundamentais para a conservación deste ecosistema.

Abandonaremos definitivamente as cotas altas da serra, adentrándonos nunha fresca e vizosa regueira da parroquia de Chenlo, nun dos nacementos do río da Fervenza. Sorprenderanos a abundancia e diversidade de árbores autóctonas, como o cerquiño, o carballo, a abeleira, e particularmente o bidueiro, moi común nesta zona. O último tramo do noso percorrido realizarémolo a través de piñeirais de repoboación, onde conviven o piñeiro bravo e o americano piñeiro de Monterrei. Con algo de sorte, escoitaremos o canto inconfundibel do cuco, que retorna todas as primaveras a esta masa forestal.

A V Andaina en defensa da serra do Galiñeiro, que nesta edición reivindicará a protección da serra baixo a figura de Parque Natural, rematará no mesmo lugar onde principiamos a marcha:  O Coto de Erville.

 Preme para baixar o percorrido.

2 Respostas to “Domingo 11 de maio: V Andaina pola protección da serra do Galiñeiro”

  1. paulaortegapedrosa 07/05/2014 ás 9:38 am #

    Reblogged this on Concotions and commented:
    V Andaina en defensa de la Sierra Do Galiñeiro. Todo por la protección de nuestras Sierras y Montes.

Trackbacks/Pingbacks

  1. Plans atopados para esta fin de semana (do 9 ao 11 de maio) | Atopo Val Miñor - 09/05/2014

    […] Máis información na páxina web da Plataforma Pola Protección da Serra do Galiñeiro […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: