RESUMO DA MESA REDONDA COS DEPORTISTAS

11 Mar

Mesa redonda cos deportistasA plataforma “pola protección da serra do Galiñeiro” celebrou o pasado 3 de marzo no salón de actos do centro cultural e veciñal de Valladares unha mesa redonda con deportistas de proxección internacional.

Nela expuxéronse e debateronxe aspectos relacionados cun dos valores que máis persoas atraen á serra durante todo o ano, como son as actividades físico-deportivas. Sendeiristas, ciclistas de montaña, escaladores, corredores de orientación etc percorren os múltiples carreiros e vías de escalada e gozan da paisaxe e a enorme beleza dos seus bosques, vaguadas, pedras e arestas.

Todos eles coincidiron en que parte do éxito deportivo e algunhas das súas xestas conseguíronas grazas ás horas de adestramento que realizaron e realizan nesta serra.

O campión de España de decatlón e olímpico en Atenas e Pequín , o rosalino David Gómez comentou, entre outras cousas, que os seus adestramentos de principios de tempada e algúns específicos de potenciación realízaos nos carreiros con máis pendente da serra. Ademáis, o grupo de atletas que él adestra, regularmente suben a serra para “afinar” e coller un estado óptimo para as súas competicións.

O atleta internacional Alejandro Gómez , veciño de Zamáns, indicou que desde os seus comezos no atletismo o Galiñeiro sempre foi o seu referente e nel efectuou adestramentos de altísima calidade. O seu vínculo co Galiñeiro é moi forte e demostrouno enxalzando aspectos non só de temática deportiva, senón relacionados coa vida cotiá do rural e a etnografía.

Jose Luís Armada, responsable da sección de orientación da universidade de Vigo, e un dos introductores deste deporte en Galicia, expuxo detidamente as claves deste belo deporte. Que conta con cada vez máis afeccionados, grazas, en parte, os magníficos planos que temos na contorna máis próxima. Un deles é do Galiñeiro, con case 10 klm cadrados. A orientación é o único deporte federado que organiza competicións na serra , dende fai unha década.
Resaltou o importante factor educativo da orientación, que incide directamente no desenvolvemento de aptitudes psicomotrices como a coordinación visoespacial e espaciotemporal, favorecendo a capacidade de toma de decisións.
De feito, moitos docentes utilizan a orientación como un contido máis dentro da súa programación.

Joaquín Carril, profesor de actividade física no medio natural da facultade de ciencias da actividade física e o deporte de Pontevedra, expuxo as posibilidades das zonas máis altas do Galiñeiro para a escalada e aproximación a técnicas de alta montaña.
A pesar de non contar cunha altura moi elevada comparativamente falando coa grandes cimas que hai no mundo, o estar a máis de 700 metros de altura a poucos quilómetros do mar confírelle á serra do Galiñeiro unha característica moi pouco común. A aparencia morfóloxica da serra desde a distancia, é dunha magnitude moito maior á que ten.
As vías de escalada do Galiñero son de gran valor para os que empezan neste deporte, ademais de posuír algunhas vías de dificultade, onde os máis expeimentados poden adestrar máis especificamente.

Para rematar, Sechu López, o experimentado escalador de Montañeiros Celtas falounos das diferentes sendas e rutas que existen no Galiñeiro. Explicou e detallou pormenorizadamente o carreiro de gran percorrido que discorre e une a serra do Galiñeiro co Parque natural do Monte Aloia. No mesmo pódense admirar diferentes valores que ten a serra: valores paisaxísticos, arqueolóxicos, etnográficos, xeolócicos e ambientais.

Outro dos temas a debater foi o estado de conservación do medio natural Galego desde tres puntos de vista: o seu estado físico real, o nivel de concienciación que ten os deportistas (que practican actividades deportivas nel), e o valor que lle dan os habitantes que viven preto destes lugares de interese ambiental.
A valoración foi unánime por parte de todos os relatores. O estado físico non é bo, comparándoo con outras zonas de España e do mundo onde eles adestran ou compiten. O nivel de respecto por parte dos deportistas e organizadores de eventos deportivos en xeral é bo, onde o grao de concienzación é cada vez maior.
O valor por parte dos veciños ou habitantes das cidades máis próximas é moi mellorable, resaltando, nalgúns casos, que hai aínda un sentimento atávico de espolio do medio natural sen pensar nas xeracións futuras.

Todos os convidados rexeitaron as agresións que ven de sufrir a serra e esperan que non siga adiante o concurso eólico, xa que suporía para a toda a serra e os pobos dos arredores unha verdadeira traxedia dificilmente recuperable.

Antes de escomezar a mesa proxectouse unha simulación no canón da sala onde se veía coma podería quedar os cumes da serra si se poñen os aeroxeneradores, así coma as pistas que se poideran facer para subilos. Todo un exemplo de como estragrar o territorio.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: