Amigas e amigos de Galiñeiro: o tempo meteorolóxico danos un avelo para celebrarmos a nosa VI Andaina pola protección da Serra do Galiñeiro! Así que este domingo 17 de abril ás 10.30 da mañán esperámosvos en Prado – Morgadáns – Gondomar.
O lugar onde vos convocamos expresa moi ben o carácter da paisaxe cultural e natural da serra do Galiñeiro, unidas indisolublemente entre si: Os prados e socalcos agrícolas de Vilas e Prado, formas inmemoriais de xestión e conservación dos solos, os rabaños de cabras e ovellas de monte que aínda perviven, ou as últimas e a cada vez máis reducidas mandas de cabalos salvaxes moldeando os matos e panasqueiras da serra, confírenlle un carácter singular a estas terras e montes. Usos tradicionais que resultan de vital importancia para a conservación dos valores ambientais da serra, que deberán ser preservados e promovidos dende a Administración o día que esta acade por fin a protección legal que merece.
Sabede que ademáis das agresións cotías que a serra está a sufrir en forma de pistas, depósitos de entullos, vehiculos a motor, ruido, alteracións dos diferentes hábitats etc etc, sigue a pender sobre ela a posibilidade dun polígono eólico e unha explotación mineira.
Fronte a estas e outras ameazas chamámosvos a vós, e ás organizacións da sociedade civil que cren nunha serra do Galiñeiro protexida, a salvo das atrocidades da propia poboación e a salvo dos intereses especuladores sen fronteiras nin conciencia, que ameazan con engrosar a súa conta de beneficios deixando tras de si un rasto de desolación ambiental irrecuperable.
Esta serra precisa de persoas e asociacións que traballen por unha serra do Galiñeiro onde non teñan entrada faraónicos megaproxectos que empequenecen o patrimonio de todos/as. Esta serra precisa de quen cre na conservación e restauración dos valores naturais e culturais. Galiñeiro necesita de quen loite pola explotación sustentable dos seus recursos naturais, necesita a aqueles e aquelas que xeran riqueza de maneira horizontal na poboación local.
Deixar unha resposta