Arquivo | Actividades RSS feed for this section

Fotos da V andaina pola protección da serra do Galiñeiro.

20 Mai

SERRA DO GALIÑEIRO: PARQUE NATURAL !!!

 

Advertisements

Agradecementos a todas e todos os asistentas a V Andaina.

12 Mai

A Plataforma pola Protección da serra do Galiñeiro celebrou onte a súa V Andaina, pedindo nesta edición a protección para a serra en forma de PARQUE NATURAL.

A cidadanía respostou forte a esta chamada xa que entre 2000 e 2300 persoas secundaron a convocatoria. E o seu entusiasmo pola causa demostrouse tamén no interese en adquirir as camisetas e o material propagandístico da mesma co que sustenta económicamente.

IMG_6777-1

A demanda que a extensa poboación desta bisbarra fai de Galiñeiro como lugar propio fíxose patente unha vez máis; pero tamén acudiron á cita xentes de outras partes do país. O bo tempo permitiu o disfrute da paisaxe, da beleza dos cumios, do bosque caducifolio e de outras paraxes, á vez que se volveu reivindicar protección para esta serra.

Grazas, por suposto, á directiva da festa e ao centro cultural de Erville que colaboraron durante todo o día, dende as gaitas que amenizaron a saída e chegada da marcha, ata a cantina que serviu comida e bebida toda a xornada e facilitou a infraestrutura para que todo saíse como era de esperar. Grazas ao concello de Gondomar que nos emprestou o palco e nolo trasladou ata o lugar. E moi especialmente a todas as persoas e entidades que axudan nesta loita, ás que colocaron os centos de cartaces, ás que difunden o evento, ás que ano tras ano fan a andaina, ás que nos animan a quen estamos na organización.

Grazas especiais tamén a Teresa Moure pola redacción do manifesto que publicaremos en breve, e polo seu apoio incondicional aos movementos ecoloxistas e a nosa causa en particular.

A Plataforma pola Proteccción da serra do Galiñeiro sigue pedindo colaboración, sabendo que o traballo de calquera tipo sempre é necesario e oportuno.

Serra de Galiñeiro PARQUE NATURAL!!!!

Domingo 11 de maio: V Andaina pola protección da serra do Galiñeiro

16 Abr

O vindeiro domingo 11 de maio, terá lugar a V andaina pola protección da serra do Galiñeiro para reivindicar a protección da serra baixo a figura de Parque Natural

Saida: Ermida das Neves, Erville as 10:30 h.

Chegada: Ermida das Neves, Erville as 14:00 h.

 

V Andaina pola protección da serra do Galiñeiro

V-Andaina-1000

Iniciaremos o noso percorrido no Coto de Erville, promontorio natural que servíu como asentamento castrexo na Idade do Ferro, e onde posteriormente sería edificada a capela de Nosa Sª das Neves. O primeiro tramo discurrirá pola ladeira norte do Coto do Mediodía, monumental reloxio solar natural, utilizado durante moitos anos con este fin polos veciños de Zamáns.

Bordearemos despois a área de nacemento do río Zamáns, tapizada por unha das formacións vexetais máis valiosas da serra: a carrasqueira húmida atlántica. Remontaremos entón a ladeira última da nosa ascensión, a costa de pendente máis acusada. O noso esforzo verase recompensado en canto academos a Boca do Lobo, portela natural no cumieiro da serra desde a cal poderemos admirar as paisaxes do Val Miñor e a Ría de Vigo. Aos pés da Boca do Lobo derrámase un vasto depósito de rochas fracturadas polos xeos da última glaciación, rodadas e amoreadas ladeira abaixo: as Pedras Esbarrulladas. Percorreremos a continuación un sector dos cumes da serra, a través da enigmática Cova da Becha, As Laxes Molladas, e o vértice xeodésico de A Garita.

As cornixas periglaciares, peñasqueiras e laxiais dos cumes da serra constitúen o hábitat dunha interesante e especializada comunidade vexetal, perfectamente adaptada ás duras condicións ambientais que impón este medio. Destacan polo seu tamaño os fenais de Stipa xigante, altos herbais que medran nas pronunciadas ladeiras de poñente.

Descenderemos a carón de pequenas plantas colonizadoras dos solos esqueléticos, como o aromático tromentelo, e matogueiras de influencia mediterránea ricas en especies, como a carqueixa, o rañalobos e un pequeño toxo de carácter endémico: Ulex micranthus. Os rabaños de cabras que aínda pastan pola serra modelan estas comunidades vexetais desde hai séculos, sendo fundamentais para a conservación deste ecosistema.

Abandonaremos definitivamente as cotas altas da serra, adentrándonos nunha fresca e vizosa regueira da parroquia de Chenlo, nun dos nacementos do río da Fervenza. Sorprenderanos a abundancia e diversidade de árbores autóctonas, como o cerquiño, o carballo, a abeleira, e particularmente o bidueiro, moi común nesta zona. O último tramo do noso percorrido realizarémolo a través de piñeirais de repoboación, onde conviven o piñeiro bravo e o americano piñeiro de Monterrei. Con algo de sorte, escoitaremos o canto inconfundibel do cuco, que retorna todas as primaveras a esta masa forestal.

A V Andaina en defensa da serra do Galiñeiro, que nesta edición reivindicará a protección da serra baixo a figura de Parque Natural, rematará no mesmo lugar onde principiamos a marcha:  O Coto de Erville.

 Preme para baixar o percorrido.

Domingo 6 de outubro as 12:00 na alameda de Santiago: Por unha Galiza sen lumes, por un rural con futuro

4 Out

O día 11 de setembro declarouse un incendio intencionado que destruiu por completo o Monte Pindo, o Olimpo Celta e monte sacro dos nosos antergos, puxo en perigo vidas e fogares, acabou con explotacións agrogandeiras, e fixo inútil o inxente esforzo de extinción. Este é o paradigma de que os incendios non só teñen a súa orixe no misto que o prende senón en anos e anos de desleixo e políticas desenfocadas, pois non só estamos ante a perda ecolóxica dun dos montes máis emblemáticos do País, senón ante o silencio cómplice dunha administración que desouvíu o berro dos milleiros de galegas e galegos que levamos anos esixíndolle á Xunta medidas efectivas de prevención mediante a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural. É esta a única figura de protección que permite a participación directa da sociedade na xestión do espazo e compromete un orzamento anual para protexelo e poñelo en valor. Esta decisión que dependía da vontade do conselleiro,Agustín Hernández, foi sistematicamente ignorada, provocando que todo polo que levamos tres anos loitando e traballando sexa hoxe un inmenso deserto de cinsa de case 2.500 hectáreas, co gasto inútil de millóns de euros públicos na extinción que nunha mínima parte terían permitido atallar a traxedia.

A catástrofe do Monte Pindo certificou o absoluto fracaso dunha política ambiental e de montes que desatendeu por completo a prevención dos lumes nos espazos naturais, rexeitou avances en materia de ordenación, multifuncionalidade, fomento de actividades tradicionais e especies autóctonas, para centrarse en entregar o noso territorio a intereses especulativos e empresas contaminantes, sen esquecer á gran industria pasteiro-enerxética que inzou os nosos montes de pirófitas coma o eucalipto. Vítimas destas políticas caeron xa o Monte Pindo, as Fragas do Eume, o Xistral, o Macizo Central, Xurés, Courel, A Limia, Corcoesto…, e ducias de espazos naturais valiosísimos que foron estragados impunemente causando ademais moitos problemas á veciñanza desde espazos porque os intereses do goberno galego son distintos aos intereses dos galegos e galegas.

Dase ademais a circunstancia de que o actual executivo decidiu agrupar na mesma área as competencias en infraestruturas, urbanismo e medio ambiente, co que dende o primeiro momento a natureza ficou supeditada aos proxectos mal chamados estratéxicos e aos intereses espúreos e coloniais de quenes só lles interesa o lucro e non a terra e os seus habitantes.

Unha Xunta que se parapeta agora detrás dos pirómanos, para agochar as súas miserias e negar que unha neglixente xestión do monte ten grande parte da culpa de que o lume se convirta nun perpetuo elemento da nosa paisaxe xeográfica e vital. Unha Xunta que ten a desvergoña de afirmar que un espazo natural arde con protección ou sen ela, mentras desmantela os servizos públicos de prevención e extinción de incendios. Unha Xunta que ignora deliberadamente que o monte que arde é aquel improdutivo para a súa veciñanza, o que leva irremediabelmente ao abandono das actividades tradicionais e a picar no engado envelenado dos especuladores sen escrúpulos que chegan cos seus proxectos enerxéticos, mineiros, urbanísticos… buscando un rápido lucro e deixando contaminación e pobreza.

A cidadanía galega e as entidades abaixo asinantes, confluiremos o 6 de outubro en Compostela para amosar o noso rexeitamento frontal a esta xestión suicida que ameaza con incendiar o País e reducir a cinsas o futuro dos nosos fillos e fillas. Portanto, ESIXIMOS:

Seguir lendo

Debate e poemas contra a megaminaría

20 Xul

O Plan Sectorial de Actividades Extractivas -Plan da Minaría- da Xunta de Galicia vai permitir abrir as portas a novas explotacións mineiras en terreos que até agora estaban vedados, o que responde aos intereses das transnacionais mineiras. Este plan considera a totalidade do territorio galego como explotábel e non estabelece límites para o uso de técnicas agresivas como a cianuración ou o «fracking».
Este sábado, día 20 de xullo, a partir das 19:30 h., poderemos saber máis a través da palabra de membros de colectivos implicados na defensa do territorio e, ademais, presentaremos o libro Versus Cianuro, no que 75 voces poéticas se unen contra a mina de ouro de Corcoesto.

boueva

Grazas a todas e todos pola vosa asistencia á manifestación contra a mega mineiría en Santiago

3 Xuñ

 

Le o manifesto.

Domingo 21 de Abril: IV Andaina pola protección da serra do Galiñeiro

14 Mar

MINAS PARA QUE(N)?

terrasraras 

SAIDA: Parque forestal de Zamáns ás 10:30 h. (Mapa da saída).

CHEGADA: Parque forestal de Zamáns as 14:00 h.

Zona de aparcamento: Parque forestal de Zamáns.

 O percorrido pasa polos sitios onde se ubicarán alomenos 6 xeradores eólicos e pola área onde se prevé realizar as catas de prospeccións mineiras de terras raras.

A RUTA: Cun percorrido de 10 km. (3 e media / 4 horas) disfrutaremos das terras de Zamáns e Herville.

Ao remate, lectura do manifesto, poesía e música:

  • Rexina Vega, Paco Barreiro, Manolo Pipas, Leo i arremecághona e Os Carunchos.
  • E para os pequenos: O Mago Marco.

E tamén:

  • Faremos un xantar popular coa comida que traia cada un.
  • Tamén haberá bocatas, empanadas e viandas variadas para quen queira comprar alí.

Vos esperamos !!!

Baixa o cartaz