Domingo 5 de xuño na Alameda de Santiago ás 12:00 h. Manifestación “Temos alternativa”

25 Mai

GRAN MARCHA NO DÍA DO MEDIO AMBIENTE 2022

TEMOS ALTERNATIVA!

ENERXÍA XUSTA E SUSTENTÁBEL

ENERXÍA POR E PARA O POBO

A transición ecolóxica e a descarbonización da economía, necesariamente implica o abandono dos combustíbeis fósiles e o fomento doutras formas de enerxía renovábel, pero significa tamén rachar co modelo tradicional de produción e consumo de enerxía. O modelo de transición que se está a impoñer polos gobernos da Xunta e do Estado español non responde aos principios dunha transición ecolóxica xusta, nin arranxa os defectos estruturais do actual sistema enerxético. Séguese apostando pola destrución do territorio, polo espolio de recursos naturais, pola perda de biodiversidade, pola produción intensiva e centralizada da enerxía, por consumidores pasivos e cautivos, por manter os privilexios do  lobby enerxético e por primar o interese privado sobre o público. As grandes corporacións empresariais son as que planifican, valéndose de inxentes recursos públicos, e os gobernos limítanse a executar unha transición enerxética cada vez máis inxusta social e territorialmente. O actual modelo de implantación de enerxías renovábeis na Galiza tampouco contribúe a superar o reto climático, pois destrúe hábitats e recursos que son esenciais para a preservación da vida humana no planeta. Este modelo, sustentado nos piares da lóxica do crecemento capitalista, incluso pretende outorgar o cuño verde ao gas fósil e á enerxía nuclear.

En 2021 fomos vítimas dunha aceleración inusitada da tramitación de centrais de enerxía eólica. Xa son máis de 300 megaproxectos eólicos os que se pretenden instalar en Galiza, que duplican en número os aeroxeradores existentes e que superan os 10.000 MW de potencia eólica. Estase a tramitar un volume de centrais eólicas equivalente a case 3 veces a potencia instalada e ao 43% do obxectivo de xeración eólica para todo o Estado en 2030. Unha enxurrada de poligonais e muíños eólicos de nova xeración que, tras o falso telón da descarbonización, só obedecen a fins especulativos. Estamos ante unha clara invasión do noso territorio, un novo espolio dos nosos recursos por parte do Gran Capital! 

E os gobernos, lonxe de defender á sociedade desta nova agresión social e ambiental, alíanse coas grandes enerxéticas excedendo os límites da tolerancia democrática. Néganse a someter a procedementos participativos e  transparentes a planificación enerxética do país e modifican a normativa arbitrariamente para facilitar a depredación dos recursos de todas. Ao tempo, eliminan ou reducen garantías ambientais, xurídicas e de participación social no deseño e control das políticas públicas. En definitiva, estannos a arrebatar dereitos! Estanse a autorizar proxectos eólicos ilegais, tal e como o están a verificar os Tribunais de Xustiza.

Por riba, en 2021, as eléctricas duplicaron e, mesmo, triplicaron os seus beneficios. O prezo da luz sufriu a súa maior escalada na historia, acadando en 2022 o seu récord en 700€/MWh… Asistimos a un marco regulatorio e tarifario perverso, acompañado da falsidade de que a máis parques eólicos, máis barata será a factura eléctrica.

Mais, diante deste escenario, TEMOS ALTERNATIVA! Existen outros modelos enerxéticos realmente xustos e sustentábeis. Aqueles que entenden a enerxía como un dereito fundamental da sociedade para ter unha vida digna e que poñen o interese público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación. Estoutros modelos enerxéticos requiren atender aos límites ecolóxicos do planeta e ás necesidades sociais, permitindo que os poderes públicos e a sociedade teñan un papel activo na planificación e xestión da enerxía e na toma de decisións. 

Temos enfronte unha oportunidade que non podemos nin debemos desperdiciar: rachar a dependencia entre o aumento do consumo da enerxía e a mellora do noso benestar social, converténdonos en donos e donas do noso propio futuro. Desligar esa necesidade de crecemento continuo e acumulación de beneficios da forma de satisfacer as nosas necesidades. Non haberá benestar nun mundo en deterioro. Non hai substitución de enerxías que poida arranxar por si soa esta contradición. Non precisamos novos problemas de vellas lóxicas, precisamos un cambio de modelo.

1. Temos alternativa! Comecemos por protexer a Natureza!

A protección da biodiversidade e da xeodiversidade é a única capaz de garantir a nosa supervivencia diante do quecemento climático e aumentar a resiliencia dos ecosistemas dos que depende a vida. Sen un medio ambiente san e biodiverso non teremos futuro como especie! Por iso, a protección da natureza é a base na que se debe fundamentar calquera transición ecolóxica e enerxética. 

A actual e caótica implantación de enerxías renovábeis está a xerar a fragmentación de hábitats, perda de biodiversidade, deforestación e erosión do solo. Debemos apostar pola ampliación inmediata da superficie protexida de Galiza. É urxente e necesario ampliar os espazos protexidos da Rede Natura 2000, como ten demandado a Comisión Europea, para excluír do aproveitamento enerxético os hábitats máis sensíbeis e protexer os nosos ecosistemas. Menos do 12% da superficie galega está ambientalmente protexida, sendo a única superficie excluída por lei da instalación de novos proxectos eólicos. Só Melilla está por detrás de Galiza na cola dos territorios menos protexidos do Estado. Reclamamos unha vez máis á Administración galega que cumpra cos seus compromisos e esiximos un sistema de gobernanza colectiva que favoreza a aceptación social da Rede Natura e a participación das comunidades de montes nos órganos de xestión, así como un deseño de medidas compensatorias para as persoas titulares destas terras polos servizos ecosistémicos que prestan ao conxunto da sociedade.

Pero non só é pouca, tamén é mala protección. Por iso é preciso que a Xunta cumpra estritamente coa normativa ambiental e aprobe todos os plans de conservación de especies en perigo e vulnerábeis que ten gardados no caixón, así como o planeamento normativo básico de moitas áreas protexidas que están totalmente descoidadas.

2. Temos alternativa! Preservación dos caladoiros de pesca e dos corredores ecolóxicos mariños. 

Os proxectos de implantación de enerxía eólica mariña, tal e como están concibidos, non son compatíbeis cos usos tradicionais da nosa costa, co mantemento da actividade pesqueira ou coa preservación da biodiversidade dos ecosistemas mariños, máxime cando as zonas prioritarias e potenciais deseñadas inicialmente polo Ministerio de Transición Ecolóxica para as instalacións eólicas se sitúan en caladoiros de pesca ou en corredores ecolóxicos de migración de cetáceos e de aves mariñas. 

Neste senso, invocamos ao principio de precaución e a que non se comprometa a produción dun alimento sostíbel e saudábel como é o noso peixe e, en consecuencia, á non admisión a trámite de proxectos de centrais eólicas mariñas, mentres non exista unha ordenación e planificación previa e participada do espazo mariño galego, en coherencia coas políticas ambientais e as directivas de protección de hábitats e co respecto ao artigo 2.1 b) do Acordo de París.

3. Temos alternativa! Coidemos e valoremos o noso patrimonio!

O modelo actual de implantación de parques eólicos supón unha ameaza física e contextual para, polo menos, o 30% do noso patrimonio material. A esta estimación cómpre engadir un patrimonio inmaterial, toponimia, lendas, memoria, xa ameazado pola globalización e que, de perder os referentes espaciais, estaría condenado, irremediábelmente, a desaparecer. 

Calquera proxecto de intervención no medio debe ter en conta o patrimonio catalogado, pero tamén previr posíbeis afeccións sobre bens que, malia saber da súa existencia, seguen sen catalogar. Para iso resulta imprescindíbel unha participación máis activa, tanto das persoas que habitan no territorio afectado, como das asociacións e profesionais vinculados co patrimonio. Só desta maneira poderemos acadar un modelo compatíbel cunha riqueza sen a cal seríamos incapaces de comprender quen fomos e quen somos. 

4. Temos alternativa! Enerxía compatíbel coa soberanía alimentaria.

O actual modelo de implantación da enerxía eólica compromete o dereito dos galegos e galegas de acadar a soberanía alimentaria. A falta dunha planificación adecuada do sector eólico en terra e a inexistencia dun plan de ordenación da eólica no mar, poñen en risco a sustentabilidade de actividades e sectores sociais e económicos estratéxicos para a soster a sociedade galega nun contexto de crise ambiental e quecemento climático. Un modelo enerxético sustentábel non pode poñer en perigo aqueles sectores sociais que proporcionan alimentos básicos á poboación. A pesca, a agricultura ou a multifuncionalidade dos montes son as  únicas que poden afianzar a seguridade alimentaria do país e as que xeran maior número de postos de traballo directos e indirectos, ademais de contribuír a fixar poboación nas comunidades costeiras e rurais. Nestas actividades primarias está boa parte da solución á crise climática e da nosa capacidade de adaptación e resiliencia. 

5. Temos alternativa! Aforro e eficiencia enerxética antes que o aumento na xeración.

Substituír a actual demanda de enerxías fósiles por enerxías procedentes de fontes renovábeis non debe ser o obxectivo final da transición ecolóxica. A enerxía máis importante e necesaria é a que non se produce, por iso apostamos por un modelo que prime o aforro e a eficiencia fronte o aumento da capacidade de xeración enerxética. Reducir a demanda enerxética e favorecer a eficiencia son, per se, unha fonte de enerxía e a mellor forma de acadar a soberanía enerxética e abaratar o prezo da luz. Debemos aplicar o principio comunitario de “eficiencia enerxética primeiro” e fomentar medidas como o autoconsumo, as comunidades enerxéticas locais e a repotenciación das instalacións xa existentes, desmarcándose dos obxectivos produtivistas e lucrativos das grandes multinacionais da enerxía.

Lembremos ademais que Galiza xa conseguiu cubrir a súa demanda total de enerxía eléctrica con fontes renovábeis propias en 2020 e que exporta cada ano arredor do 30% da electricidade que produce. O noso territorio xa cumpre cos obxectivos europeos e estatais de xeración eléctrica renovábel para 2030. E máis do 75% da enerxía eléctrica que producimos é con tecnoloxías que non emiten CO2 á atmosfera. Ademais, malia a ocupar tan só o 6% da superficie do Estado español, Galiza produce o 14% de toda a potencia eólica estatal.

6. Temos alternativa! Soberanía sobre os nosos recursos fronte ao espolio enerxético.

Os galegos e galegas levamos décadas soportando o agresivo e duro impacto da implantación de instalacións de xeración de electricidade. Agora soportamos o maior número de aeroxeradores e de potencia instalada por habitante e por quilómetro cadrado en todo o Estado, algo que se esquece intencionadamente nas políticas de impulso de enerxías renovábeis e na regulamentación dos prezos da luz. O subministro eléctrico da cidadanía, empresas e industrias galegas segue a ser dos máis caros do Estado. O modelo enerxético imposto pretende perpetuar o papel de Galiza como subministradora de materias primas baratas, destinada a satisfacer a demanda de territorios libres de instalacións eólicas e grandes consumidores do Estado, como Madrid, sen resultar en ningún caso beneficioso para a poboación galega. 

Apostamos pola democratización da enerxía. Por un modelo enerxético no que o pobo e a administración pública teñan dereito a participar na xestión directa da demanda e na xeración eléctrica. Un modelo de xeración distribuída, achegada aos focos de consumo, que retire das mans das grandes corporacións enerxéticas a exclusividade do dereito a producir, que favoreza o autoconsumo, a promoción e creación de comunidades enerxéticas locais e a intervención pública no mercado da enerxía, con obxectivos de rendibilidade ambiental e social. Queremos un modelo enerxético que permita recuperar para o ben común aqueles aproveitamentos de xeración eléctrica renovábel próximos a caducar e que sexan esenciais para acadar a autosuficiencia enerxética do país. O pobo galego ten que poder exercer o seu dereito á explotación do vento en Galiza, como recurso natural de carácter público. 

O actual réxime de outorgamento de dereitos para a explotación de centrais eólicas e infraestruturas asociadas réxese polo procedemento administrativo da autorización, de carácter privativo e sen limitación temporal. Paradoxalmente, a meirande parte dos proxectos eólicos en tramitación son declarados de “utilidade pública” adquirindo dereitos sobre a expropiación directa das terras. Apostamos por un modelo eólico que manteña no dominio público a propiedade do vento e que, por tanto, outorgue dereitos de explotación do recurso a través de concesións administrativas. 

A democratización da enerxía tamén implica respectar a vontade da poboación afectada, eliminar o dereito á expropiación forzosa e favorecer condicións de xustiza na capacidade de negociación das persoas e comunidades locais afectadas pola implantación dos proxectos de enerxía renovábel, conferindo plena capacidade de decisión aos titulares dos montes veciñais en man común de admitir ou non este tipo de proxectos nas súas terras.

7. Temos alternativa! Planificación eólica con fins socioambientais e ao servizo do país.

O Plan Sectorial eólico de Galiza carece de aval ambiental e social. Non foi sometido á avaliación ambiental estratéxica nin á consulta pública da cidadanía. Esta planificación, procedente da década dos 90, non cumpre cos mínimos requirimentos legais nin técnicos para ter consideración de instrumento de planificación enerxética, respectuoso co medio ambiente e socialmente xusto. O Plan Eólico vixente en Galiza non garante un proceso de transición ordenado, racional e equilibrado. Favorece a ocupación desproporcionada de solo sen ter avaliado previamente a demanda nin a compatibilidade do aproveitamento eólico con outros usos e actividades estratéxicas para o país.

Debemos construír un modelo enerxético planificado por, para e dende a sociedade galega e non dirixido polas grandes industrias contaminantes, coa conivencia dos gobernos. Un modelo no que os galegos e as galegas teñamos a capacidade para decidir sobre o aproveitamento dos nosos recursos enerxéticos, capaz de acadar o equilibrio territorial e ambiental, evitando a destrución de emprego e a emigración, e  que pule pola enerxía como ben básico ao servizo do pobo.

Mais, con tal fin, é imprescindíbel declarar a moratoria efectiva de todos os proxectos de enerxía eólica en tramitación e a súa revisión en función da nova planificación sectorial sometida convenientemente a avaliación ambiental estratéxica e á consulta da cidadanía. Non nos valen as falsas moratorias que aplican a excepción como norma. Queremos unha moratoria de verdade, que paralice a tramitación de novos proxectos mentres “non se corrixan os defectos do actual plan sectorial eólico” tal e como tamén reclamou  nun informe de 2021 o Consello da Cultura Galega.

8. Temos alternativa! Participación pública fronte aos recortes democráticos e ilegais.

Unha transición ecolóxica que non permite a participación pública na toma de decisións nunca será xusta. No canto de procurar fomentar espazos de reflexión colectiva, favorecer procesos de consulta pública e deseñar un modelo enerxético de futuro atendendo ás inquedanzas dos diferentes sectores sociais e ás necesidades da preservación da natureza, as administracións públicas puxéronse de costas á cidadanía e optaron por dar pasos para atrás na saúde democrática dos seus gobernos e aprobar normativas que axilizan a tramitación e posta en marcha de novos macroproxectos de enerxías renovábeis á custa de eliminar garantías de protección ambiental, procesos de participación democrática e acceso á información pública. En 2021, a Xunta reforzou a lei de depredación de 2017 coa aprobación pola vía da urxencia da lei de simplificación administrativa para autorización de proxectos industriais agresivos co territorio. Esta nova lei sitúa na absoluta indefensión as comunidades afectadas e deixa en mans dunha oligarquía -representada polo Consello da Xunta- o futuro do país. O PP de Galiza está a utilizar de forma espuria a súa maioría absoluta  en beneficio das grandes industrias especuladoras. 

O goberno presidido por Pedro Sánchez tamén se vén de sumar a estas prácticas de sometemento normativo á vontade do Gran Capital, eliminando dun decretazo a obriga da avaliación ambiental para certos proxectos industriais de enerxía renovábel e de elevado impacto. 

As galegas e os galegos estamos sos ante o perigo! Levamos máis de un ano sometidas a un agónico estrés administrativo e de alegacións que non parece que vaia ter fin. Non fica estado nin estamento ao que non teñamos apelado, pero obtemos indiferenza, silencio ou desprezo por resposta. Porén, a Xustiza estanos a dar a razón! Recentes fallos do Tribunal Superior galego declararon ilegais varios proxectos eólicos: as autorizacións do parque Serra do Iribio, a repotenciación en Corme ou os parques eólicos Sasdónigas I e II son proba evidente do sistema antidemocrático e ilegal que envolve a política enerxética da Xunta de Galiza. Seguiremos demostrando nos tribunais que temos razón e procuraremos responsabilidades penais. O sistema está corrupto!

Apostamos pola derrogación das leis de depredación da Xunta e pola anulación do artigo 6 do Decreto-lei do goberno do Estado que exonera de avaliación ambiental certos proxectos de enerxías renovábeis. Ao tempo, apelamos ao cumprimento exhaustivo da normativa europea, estatal e galega en materia ambiental e de acceso, participación pública, transparencia e bo goberno. A alternativa enerxética e ecolóxica do país non pode sosterse nun proceso cada vez máis acuciante de devaluación do dereito democrático e do poder do pobo.

9. Temos alternativa! Principio de precaución para a preservación da saúde pública.

A meirande parte dos proxectos eólicos que están en tramitación sitúan aeroxeradores de máis de 200 metros de altura a escasos  500 metros das vivendas, en virtude do disposto no obsoleto Plan Eólico de Galiza. Aínda que a Xunta teña aumentado recentemente esa distancia a 5 veces a altura do aeroxerador, esta cautela non se está aplicando a ningún dos preto de 300 macroproxectos eólicos que están en tramitación. Con esta medida, o goberno galego recoñece que a proximidade deste tipo de instalacións industriais a núcleos de poboación pode ter efectos negativos na calidade de vida da veciñanza afectada e mesmo na saúde das persoas. Malia a considerala insuficiente,  sería un paso necesario aplicar esta medida de precaución, cando menos, a todos os proxectos eólicos que se pretendan instalar no país ou que xa estean instalados, así como favorecer estudos serios e rigorosos que avalen a efectividade e a suficiencia da medida.

Preservar a calidade de vida e a saúde pública da poboación afectada debe ser unha prioridade do modelo enerxético alternativo, tamén coa finalidade de evitar un novo éxodo rural galego que nos últimos 30 anos xa perdeu 2000 núcleos de poboación. 

Si, temos alternativa! Temos futuro! 

Por unha enerxía xusta e sustentábel!

Enerxía por e para o pobo!

COORDINADORA EÓLICA ASÍ NON

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2022

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: