Recheo na canteira de Penide

17 Xan

Unha afección máis á serra de Galiñeiro, esta vez en Prado, Morgadáns. En realidade víase vir; trátase do recheo da canteira de Penide, unha canteira (como tantas) problématica dende o principio. Cando a estaban explotando soamente tiña permiso de investigación, supoñemos que cando acadou o permiso de explotación xa estaba o material esgotado, e cando iso ocorreu esperouse uns dez anos a restaurala. Como sempre a restauración coíncide coas obras de desterro das zonas limítrofes: polígono do Porto do Molle, obras en Vigo etc etc.

Canteira de Penide

Á vista está que a terra botada supera a cota do terreo circundante e á do monte que existía antes da canteira; o letreiro indicativo de tal restauración non existe; os sedimentos que a chuvia arrastra dese gran depósito están xa na Chan das Moutas, zona de importante valor ecolóxico; o río de Vilas no seu nacemento vai cheo de barro nos días de chuvia, unha das ramas do río de Morgadáns tamén nace xustamente aquí, chegarán estes sedimentos a el?……..

Se hai vinte anos no Lapido, tamén en Prado, fomos testemuñas da afección do río Morgadáns e da aberración paisaxística, orográfica e ecosistémica provocada pola chamada restauración da canteira que alí había, agora vémonos no inicio do mesmo proceso. Unha desgraza que pasen os anos, se fale cada vez máis de sustentabilidade, de problemáticas ambientais, cambie o partido político que goberna a Entidade Local Menor de Morgadáns e o que goberna o Concello de Gondomar e se repitan exactamente os mesmos actos.

Parece que os gobernantes non coñecen o valor ambiental dos ríos en xeral, e en particular o dos humedais da Chan de Prado. Estes últimos son ecosistemas xa escasos en toda a serra e tamén nas serras circundantes, e son fráxiles de por si. Por suposto que están á beira da estradas ao Aloia e ao Porriño e nunca se ten precaución con estes hábitats, pero agora a lama pode acabar definitivamente con eles. Son as últimas bouzas (brañas, lagoas ou como se lle queira chamar) que quedan en Prado, as que houbo noutros tempos convertíronse nun lugar ou barrio do propio Prado, e delas só queda o nome! Ou é que estes gobernantes non queren coñecer como funciona a natureza?!

Nós esiximos aos que teñen responsabilidade neste asunto que a asuman, e a asuman xa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: