“Na Groba liberada…”

22 Abr

Dos compañeiros do IEM:

Bruno Centelles do IEM 

Desde o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) vimos de presentar nestes pasados días un audiovisual que, contando coa xenerosa colaboración de Tino Baz e a forza da súa música e o seu texto, resume o noso sentir a propósito da “Invasión Eólica” que ameaza a toda Galicia e, no máis concreto, á Serra da Groba.

En palabras do propio Tino Adáptase a canción ao curso da auga, como elemento esencial, na necesidade específica de dar voz ao preciso clamor de salvar esta porción da natureza que nos posúe nunha múltiple dimensión… Ética, artística, emocional, fondamente cívica… Somos animais de conciencia, así cáseque por instinto primario, cantamos con toda convicción esta peza para salvar á Terra, segregando esteticamente toda a dor e indignación que provoca a ameaza de quen quer especular nela sen escrúpulos… Así cantan Fer, Laura, Sergio, Diego, Iago, Nachito, Carmen…, quen forman a “Trova do vento” e dan Vida a intención desta idea, amorosamente cantada…”

A Serra da Groba atesoura un inigualable Patrimonio Natural e Cultural cheo de vida, natureza e arte rupestre. Paisaxes que mostran beleza por si mesmas. Unha das máis importantes concentracións das mellores imaxes gravadas en pedra do mundo e a máis xenuína e antiga poboación de cabalos salvaxes en todo o planeta. Falamos dos curros e dos garranos. Falamos dos petróglifos, da paisaxe, das augas, da fauna e da flora… 

Falamos do PATRIMONIO COMÚN, dun legado milenario que pertence ao noso pobo. A todos e a todas nós. Un Patrimonio identitario que recibimos dos nosos antergos e que temos a obriga de conservar para transmitilo nas mellores condicións ás novas xeracións .

Hai xa 25 anos que se instalaron no noso país os primeiros parques eólicos. Viñan acompañados de moi boas promesas… Promesas baleiras que o vento levou. Houbo promesas e houbo tamén mentiras. Moitas mentiras!

Hoxe, en plena pandemia COVID19, o monstro depredador reaparece. A nosa Serra da Groba está seriamente ameazada pola instalación de 6 parques eólicos: 44 aeroxeradores, 5 torres meteorolóxicas, 4 subestacións, ducias de quilómetros de gabias e tendidos aéreos, fábricas de formigón…

As obras de instalación (pistas, movementos de terra, escavacións, explanacións… ) destrozarán para sempre a paisaxe natural da nosa serra atentando directamente contra a biodiversidade. Contra a fauna, a flora e contra os cursos de auga superficiais: pozas, nacentes, ríos e regueiras… e tamén contra as augas subterráneas da Serra da Groba.

En definitiva, o que hai é un tremendo desprezo ao noso Patrimonio Común natural, cultural, histórico, arqueolóxico e etnográfico.

O actual Plan Eólico da Xunta, baseado na invasión de Galicia favorecendo sempre ás grandes empresas á conta da cidadanía, forma parte dun devastador modelo enerxético amparado polo goberno Feijóo coas súas “Lei de Depredación” (2017) e “Lei de Aceleración” (2021). E, aínda así, burlando a Lei ao fragmentar fraudulentamente un auténtico Polígono Industrial Eólico en 6 “pequenos parques” que non superen os 50MW.

Na nosa experiencia podemos afirmar con toda rotundidade que non é certo que os parques eólicos xeren riqueza nas parroquias, nin nos concellos, nin nas comarcas afectadas. E tampouco é certo que xeren postos de traballo estables nin que axuden a fixar poboación no rural.

Pero hai esperanza. Non está todo perdido. Podemos paralos. Podemos loitar pola serra. Podemos liberar a Groba. 

Porque hai alternativas, porque hai outras fontes de enerxía, outros modelos enerxéticos, económicos e sociais…

Renovables si, pero non así! 

Defendamos a Serra da Groba!

Bruno Centelles García (Instituto de Estudos Miñoráns)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: